A CIG reclámalle ao PSdG que se posicione en contra do Decreto do Carbón do Goberno españo

A federación de Químicas e Enerxía mantivo unha xornada co grupo parlamentario para abordar o futuro do sector
Representantes da federación de Químicas e Enerxía da CIG mantiveron o pasado día 10 de setembro unha xuntanza cunha delegación do grupo parlamentario do PSOE no Parlamento galego para abordar a problemática relacionada co Decreto do Carbón do Goberno español (Real Decreto 134/2010) que establece o procedemento de resolución de restricións por garantía de subministro. Dende a central nacionalista reclámanlle un posicionamento público en contra dunha normativa que terá graves repercusións no tecido produtivo das comarcas afectadas.
“Solicitámoslle que se posicionasen publicamente en contra da nova normativa e dixeron que só apoiarían unha iniciativa parlamentaria que partise doutro grupo político, pero sempre e cando non fose crítica co Goberno español”, explica Alberto Gonçalves, secretario nacional de Químicas e Enerxía da CIG. O representante sindical asegura que abandonaron a xuntanza cunha “sensación de impotencia” despois de comprobar a falta de compromiso do PSdG cun dos sectores estratéxicos na economía das comarcas de Ferrol e A Coruña.


Na reunión estiveron presentes, ademais de Alberto Gonçalves, o responsábel nacional de Institucional da federación de Químicas e Enerxía e delegado sindical de Endesa, Fernando Branco, o secretario comarcal da Coruña e de Organización nacional desta federación, Xavier Filgueira, e o responsable nacional de Acción Sindical de Químicas e Enerxía, Alberte Amado.
Segundo a CIG, a entrada en vigor do decreto provocará a paralización das térmicas galegas até cando menos o ano 2014, para favorecer a produción de 10 centrais, principalmente situadas en León, Asturias e Teruel. Dende a central nacionalista reiteran as críticas a un veto político que non ten xustificación nin económica nin ambiental, pois as centrais galegas producen máis barato e contaminan menos.
Máis de 2000 empregos en risco
A aplicación da nova normativa porá en perigo a continuidade duns 2000 empregos nas comarcas afectadas, aos que hai que engadir os 200  traballadores e traballadoras afectados/as polo peche das minas de lignito pardo de Meirama e As Pontes, cos que existe un compromiso de recolocación, mais que logo de dous anos aínda continúan en paro.

También podría gustarte
Comentarios