A comunidade galega de software libre máis presente ca nunca no Xuventude Galicia Net

Lendo mancomun.org:
“A décima edición do maior maratón informático de Galiza, o Xuventude Galicia Net, pechou onte as súas portas deixando entre todos os asistentes un eco máis forte que en anteriores ocasións sobre a importancia e as vantaxes de adoptar as tecnoloxías e os estándares abertos.”…


…”Iniciativas como a distribución masiva de exemplares do Galinux, a realización de obradoiros sobre software libre, a presenza de Mancomún e dos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) na zona de acceso libre, ou a actividade constante dos seus membros no transcurso deste -coa coordinación de Mancomún- permitiron incidir amplamente no potenciamento do software libre e en galego.
O Galinux, protagonista indiscutíbel
A vía principal de acceso foi, sen dúbida, o Galinux, convertido nun dos temas recorrentes ao longo do encontro. Para iso, repartíronse preto de 1800 exemplares con cada unha das acreditacións da intranet e máis de 1500 unidades na extranet. Foron moitos, os que a raíz deste reparto, se achegaron ao posto de Mancomún co propósito de afondar nos seus aspectos técnicos e de uso.
Ademais, este sistema operativo libre e en galego, promovido pola Dirección Xeral de Innovación e Industria, centrou tamén a atención de moitos dos medios de comunicación que cubriron o evento, reafirmando esta materia como un tema xa habitual entre os medios xeneralistas, antes tan remisos a ela.
Por outra banda, varias pezas audiovisuais concorreron ao concurso de videocreación do XGN na sección “Eu son un Galinux”. Resultando gañadora o anuncio televisivo “Vivamos como Galinux” de Sergio Mella.
Unha comunidade forte e cohesionada
A consecución destes obxectivos foi posíbel grazas ás persoas que durante estes días traballaron a prol da difusión do software libre.
A organización do encontro non só convidou a Mancomún a actuar como coordinadora de todas as actividades vencelladas ao software libre, senón que ademais facilitou en todo momento o seu desenvolvemento. Como unha das medidas recorridas, habilitouse na intranet un espazo reservado para os membros dos GGUL que estaban a colaborar.
A esta zona accederon unhas 20 persoas que estiveron dinamizando e promovendo en todo momento o uso do software libre. A este respecto, organizouse un concurso do xogo de código aberto Stepmanía, rodouse unha curta con contido subliminal arredor do software libre e do privativo, leváronse a cabo con éxito os obradoiros de robótica e tradución, impartíronse as charlas sobre instalación automatizada de Debian, Lareta.net ou seguridade informática con software libre…
Mancomún ofreceu aos GGUL co Xuventude Galicia Net un marco idóneo para reunirse e presentarse perante a sociedade galega como unha comunidade forte e cohesionada.
Fotos no wiki de Mancomún“…
Fonte: mancomun.org

También podría gustarte
Comentarios