A experiencia galega de Dylan

O dramaturgo Rubén Ruibal é coautor dunha obra baseada na canción ‘Black Diamond Bay’ – O escritor Vicente Araguas estudou a poética do cantante
[El País] En 1975, Bob Dylan percorría o mundo cunha caravana de amigos músicos, poetas, vividores. Nos entreactos daquela interminábel xira da Rolling Thunder Revue, o músico aproveitaba para deseñar o que desembocaría en Desire. Ese elepé sería, ademais do que contén a célebre Hurricane, a primeira vez que Dylan admitía outra parella de mans nas letras, as do dramaturgo Jacques Levy. Trinta e catro anos despois, outra parella de escritores, pero galegos, extraen de Black Diamond Bay -incluída en Desire- unha obra de teatro: A néboa amarela (Biblos, 2010). Non é a única pegada do autor de Like a rolling stone na literatura do país, aínda que si a máis evidente.
“A idea foi de César Candelas, quen me enviou un correo comentando que todas as cancións de Desire eran moi teatreiras”, fai memoria Rubén Ruibal (Ribadeo, 1970). Premio Nacional con Limpeza de sangue en 2007, Ruibal explica que o plano incial trazado con Candelas (Ponferrada, 1964) consistía “en escribir unha obra con cada un dos nove temas do disco”. O proxecto cinxiuse, polo momento, aos personaxes de Black Diamond Bay e sen unha razón aparente. “Esquecín por qué escollimos esa”, asegura Candelas, “mais lembro ben pensando que pasaba logo do final da canción”. A illa onde moran O Grego, O Crupier ou A Muller é eliminada do mapa por un terremoto e o narrador entérase polo telexornal.


N’A néboa amarela non só habitan as estelas da canción de Dylan. “César ten a teoría de que deconstruímos a canción, de que lle quitamos cousas”, di Rubén Ruibal. E enumera, con César Candelas, “os roubos” sobre os que edificaron o seu proxecto teatral: outros cortes do elepé -Romance in Durango, Oh Sister-, o Cyrano de Bergerac de Edmund Rostand ou a historia medieval de Irlanda. “Bob Dylan era un plaxiador implacábel”, comenta Candelas, “e nós fixemos exactamente igual”.
Con eses vimbios, Ruibal e Candelas tecen un traballo en que os personaxes do orixinal gañan profunidade, refúndense, inspíranse no real e interactúan nun escenario onírico e de clima tropical. “Son xente particular, xentes peculiares”, matiza o dramaturgo de Ribadeo, “e nós pensamos sempre nun referente real; por exemplo, eu ao Grego imaxínoo como Roberto Vidal Bolaño”. Todo un esforzo que nunca chegará ás táboas. “Non hai quen monte esta obra, xa non é que sexa do século pasado”, ri Ruibal, “é que é unha obra do XIX, italiana, cun escenario de dous ou tres andares…”.
Mais A néboa amarela non está soa. No feble rastro dylanián nas letras galegas acompáñaa o blog que mantén o propio César Candelas, +dylan, de subtítulo “dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!”. Na bitácora recréanse e tradúcense cancións, invéntanse historias posíbeis relacionadas co cantautor de Duluth, escríbense curiosidades, debátese sobre a súa traxectoria discográfica e glósanse os seus concertos en territorio galego, o último en xuño de 2008.
Reminiscencias de Bob Dylan titulou Xosé Antonio Moreno a súa única novela, de vontade xeracional e publicada en 2000. O poeta Antonio García Teijeiro é outro confeso seguidor de quen escribiu Ballad of a thin man. Pero ninguén tan dedicado como Vicente Araguas (Xuvia, Neda, 1950). Autor de novelas, poemas e relatos -Xuvia-Neda é o seu último libro- e integrante de Voces Ceibes nos setenta, Araguas ultima unha tese de doutoramento sobre “o mundo poético de Dylan”.
“O xermolo foi a miña tesiña, que lin na Universidade de Alacante en 1998”, conta dende Madrid, onde traballa e reside, antes de ir atrás: “Eu cheguei a Dylan no ano 65 e a través do Blowin’ in the wind de Peter, Paul & Mary; daí, ao ano seguinte, pasei ao Dylan eléctrico, psicodélico”. Con todo, Vicente Araguas non considera que Dylan influíse na súa música, e faino con sorna. “Xa me gustaría di”, di, “pero o meu traballo debíalle máis á sinxeleza de Brassens, de non ser A Leo Ferré, compañeiro, coa guitarra de Toti Soler, o máis achegado a Bob Dylan que fixen”.
E malia o seu interese pola poética dylaniá -“vou ao entorno antes que ao texo, a todo o que o arrodea”-, tampouco o escritor Araguas admite influencia, senón abeberar en fontes cercanas. “Os beat si que me influíron, sobre todo Ferlinghetti, Corso, algo menos Ginsberg”, sinala, ao tempo que fai reconto e menciona a Alberto Avendaño, poeta e militante do Grupo Rompente, como autor no que si se detecta a Bob Dylan. “Eu, que non soporto, con apenas excepcións, os poemas musicados, tamén me pregunto se estariamos a falar de Dylan como escritor fóra da música e as súas cancións”, sincérase, e conclúe: “Sospeito que non”.

También podría gustarte
Comentarios