A Fundación Sotavento Galicia participará activamente na Semana Europea da Mobilidade

Esta participación será regulada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Coordinador Nacional da citada campaña que se celebrará entre o 16-22 de setembro do 2012 en toda a UE.
A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña de concienciación dirixida a sensibilizar tanto aos responsables políticos coma aos cidadáns, sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública coma para o medio, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.


O uso responsable da enerxía convértese hoxe en día nunha prioridade a nivel mundial. Cada vez son menos os recursos dispoñibles e maiores os seus custes. Moitos países teñen unha grande dependencia enerxética do exterior sendo o transporte unha das causas principais. Este feito, supón un grave problema económico e ambiental que podemos mitigar cun uso máis adecuado e racional dos transportes.
A Fundación Sotavento Galicia, seguindo unha liña de difusión activa e práctica dirixida a todos os sectores sociais, levará cabo diferentes actividades no marco desta iniciativa que se pecharán coa celebración, o día 22 de setembro, da segunda edición do Rallye Eficiente.
Segunda edición do Rallye Eficiente
O obxectivo deste “Rally” é premiar aos participantes que consigan os mellores resultados en canto a eficiencia enerxética dos vehículos. A Fundación considera esta actividade como unha demostración práctica moi ilustrativa das vantaxes da condución eficiente en situacións reais, tratando en todo momento que as medicións sexan máis científicas posible, sen esquecer o carácter divulgativo da proba.
A primeira edición do Rallye conseguiu congregar medio centenar de participantes. O gañador completou o percorrido cun consumo de 4,8 Litros/100 qm o que constituíu o menor consumo de todos os participantes. Ademais, conseguiu rebaixar nun minuto o tempo empregado por segundo clasificado o que dá idea das posibilidades que ofrece a condución eficiente.
A actividade terá lugar o sábado 22 de setembro no Parque Eólico Experimental Sotavento, situado entre os concellos de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña) e será gratuita.
500 Euros de premio.
O gañador do “Rallye” será a persoa que logre unha maior eficiencia no uso do vehículo e será premiado cun cheque regalo de 300 € en combustible. O segundo e terceiros clasificados, recibirán 200 € e 100 € respectivamente.
Normas básicas:
Para o cálculo da eficiencia valorarase a media ponderada do consumo e tempo realizado nun recorrido real. Empregarase obrigatoriamente un vehículo facilitado pola organización e realizarase o recorrido acompañado dun membro da mesma. Unha vez rematada a proba, publicaranse os tempos e consumos realizados por cada participante nunha pantalla habilitada para tal fin. Deste xeito trátase de fomentar a condución eficiente mediante unha competición onde o uso eficiente do vehículo supoña o éxito do/a participante.
Actividades paralelas:
Adicionalmente, haberá actividades paralelas tales como a exposición das novas posibilidades que o mercado nos ofrece en vehículos eléctricos, híbridos, etc. Tamén realizarán visitas guiadas polas instalacións, charlas sobre eficiencia, etc.
Inscricións:
Para participar é imprescindible inscribirse previamente chamando ao teléfono 981 441020 ata o 17 de setembro, ou cubrindo os datos do formulario de inscrición da páxina de Sotavento.
AS PRAZAS SON LIMITADAS E DARANSE POR RIGOROSO ORDE DE INSCRICIÓN
Para máis información sobre esta actividade e para consultar as bases da mesma, visitar a sección correspondente na páxina web http://www.sotaventogalicia.com/
Máis información en: http://www.sotaventogalicia.com/galego/rally_eficiente.php

También podría gustarte
Comentarios