A nova Xunta Directiva da Asociación Euroeume presentará un recurso sobre a Resolución do Programa Leader 2008-2013
A renovada Xunta Directiva de Euroeume decidiu, en reunión celebrada o pasado luns, 12 de xaneiro, presentar un recurso contra a resolución sobre as candidaturas do Programa Leader para o periodo 2008-2013, que foi publicada por AGADER o pasado 29 de decembro. Nesta resolución establécense, entre outras disposicións, as cantidades de fondos públicos otorgados a cada un dos 31 Grupos de Desenvolvemento Rural estipulados por AGADER.
No caso da zona do Eume a cantidade concedida está lonxe das espectativas xeradas en base á labor realizada, ou das cantidades concedidas en anteriores periodos, xa que é únicamente de 3.454.796 euros, o que representa unha redución dun 30% con respecto aos fondos xestionados durante o periodo anterior. A estas expectativas tamén colaborou o feito de ter comprometidos mais fondos dos dispoñibles durante o programa Leader anterior, o que permitiu aumentar os fondos públicos grazas a que outros grupos non puideron comprometer a totalidade dos fondos que tiñan asignados para ese periodo. Pero a realidade das cifras mostrou que o traballo realizado nos anteriores programas non tivo ningunha influencia nos criterios utilizados por AGADER.
A diferencia do que pode suceder cos programas de Desenvolvemento Rural doutras Comunidades Autónomas, a Xunta de Galicia recortou as posibilidades de actuación dos Grupos, xa que imposibilitan que estes desenvolvan proxectos propios dentro do programa Leader, ademais de reducir os gastos de funcionamento dos grupos (o que limita as posibilidades de actuación dos mesmos), ou realizar os pagos aos promotores directamente desde a Xunta.
Renovación de Cargos da Xunta Directiva
Na reunión da Xunta Directiva do pasado luns abordouse tamén a elección de cargos de dita Directiva. Renováronse os cargos de Presidente, Tesoureiro e Secretario (Xosé Castro, Nicolas Pena e Félix Pena), quedando pendente a elección do Vicepresidente que sairá dun acordo entre os diferentes alcaldes do territorio.
A Asociación Euroeume modificou recentemente os seus estatutos, ampliándose de 14 a 23 o número de entidades que conforman a Xunta Directiva, para cumplir cos requisitos estipulados pola Consellería de Medio Rural de cara á formación dos Grupos de Desenvolvemento Rural.