A Plafatorma pontesa reclama acondicionar a Fonte das Boliqueiras
[El Progreso, por C.Arias] A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes reclámalle ao Concello unha actuación para mellorar e acondicionar a fonte das Boliqueiras, un espazo que durante décadas foi lugar case de peregrinaxe e que hoxe se atopa en estado de abandono.
«Desde a Plataforma puxemos en coñecemento do Concello esta situación demandando unha actuación neste espazo, así como a restitución da súa sinalización, demanda que a día de hoxe non foi atendida», explican dende este colectivo pontés, que recorda que a fonte das Boliqueiras «é outro dos elementos patrimoniais do concello que foi afectado polas obras da autovía AG-64» .
A construción da autovía Ferrol-Vilalba variou o acceso á fonte, á que agora só se pode chegar por unha pista que nace ao comezo da estrada que vai do polígono dos Airíos a Momán. A pista, que se colle no primeiro desvío á dereita e que vai paralela á autovía polo alto do noiro, é un percorrido difícil, con tramos co firme en mal estado e outros cheos de vexetación, algo que «impide o tránsito normal dos vehículos pola mesma», denuncian dende a Plataforma.
A fonte das Boliqueiras é un manancial mineral de augas ferruxinosas que resultou secularmente famoso polo gran número de enfermos e veraneantes que acudían para tomar as súas augas, tanto da localidade como doutros moitos puntos da comarca. As súas augas servían de cura, ou polo menos eso se cría, para anemias, situacións de decaemento, falta de apetito e incluso tuberculose.
No 1902, o Concello construíu a estrada de acceso ao manancial subindo pola Mourela -hoxe desaparecida-, que remataba nunhas escaleiras de baixada, que aínda se conservan, pero cubertas de vexetación.