Neste sábado chuvioso de outono leo na prensa o pasamento de RAFAEL FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ. É posible que este nome non lle diga nada a moitos. Sen embargo, para os ponteses que nos sesenta viviron o atletismo deste pobo, lembran que este home foi un destacado atleta, ademais dunha persoa sinxela, amable e amigo de todos.
Rafael Fernández Fernández, ªRafa, como era coñecido polos compañeiros e amigos, foi un dos pioneiros do atletismo nas Pontes alá polo ano 1964. Nado na Coruña en 1946, Rafa veu de moi novo para As Pontes, onde estudou no antigo colexio Nebrija. Comezou a súa andadura no atletismo en 1965 no recen creado Calvo Sotelo xunto a Tenreiro, Locho, Fausto, Pepe Durán, Fermín e outros. Estando no Calvo Sotelo proclamouse campión de España por equipos nos campionatos da antiga Educación y Descanso celebrados en Madrid en 1965 ó quedar primeiro en cen metros lisos cunha máis que excelente marca de 10 segundos e 98 centésimas, e primeiro nos relevos de 4×100. Ó ano seguinte logra a medalla de bronce nos mesmos campionatos celebrados en Palencia na proba de relevos e a de ouro por equipos.
FOTO: De esquerda a dereita: Elia Amieiro, Rafa Fernández, Pepe Durán, Severina Pereira e José M. Fernández Cendán (campo do Poboado 1966).
Estivo no Galicia de Caranza e Deportivo da Coruña, onde competiu cos mellores atletas españois da época, retornando de novo ó Calvo Sotelo, equipo no que abandonou a práctica do atletismo a finais de 1967. Trasladouse a vivir a Ferrol, cidade na que casou e traballou na empresa Bazán e entre 1987 e 1991 foi concelleiro na corporación municipal de Ferrol.
Este pasado sábado Rafa a quen entrevistei hai quince anos con motivo dun traballo sobre o atletismo pontés- recibiu a despedida dos seus achegados e amigos. Vaian estas liñas na súa lembranza e o meu recoñecemento a súa labor a prol do deporte desta vila das Pontes.
As Pontes, 26 de outubro de 2009 (Antón Ferreiro)