Apóstolo ó natural

Lendo elcorreogallego.es:
“A figura dó Apóstolo Santiago que preside o altar maior da Catedral compostelá recuperou onte, por uns meses, o esplendor da imaxinería que, durante anos, o converteu nunha das figuras máis fermosas da tradición xacobea. O motivo deste tránsito glorioso, executado polo ourive Fernando Mayer e os seus axudantes, non é outro que lle retirar a esclavina de prata que a imaxe loce desde hai case tres séculos. “…


…”A peza, tan desgastada polas apertas de millóns de fieis que ata ten buracos, será restaurada polo artesán e conservarase no museo da Catedral compostelá.
Tras se concluír a delicada operación, que se prolongou durante varios minutos, o Apóstolo recuperou en parte a aparencia que lucía no século XII, cando a imaxe de pedra foi instalada no altar maior. A zona da escultura que cubría a esclavina conserva a policromía orixinal, o resto da peza está recuberta cunha pasta dourada que se engadiu no século XVIII, cando o arcebispo Monroy vestiu coa roupaxe de prata e pedras preciosas ó Apóstolo.
Os visitantes poderán admirar durante seis meses o santo na súa dimensión histórica, coincidindo precisamente co Ano Santo e coa oportunidade de poder ver a figura auténtica como atractivo engadido.
Seis meses é o prazo que necesitarán os ourives da casa Mayer para crear unha nova esclavina que será unha réplica exacta da anterior. A peza, iso si, estará especialmente reforzada. “A chapa base da peza será tres veces máis grosa e os ornamentos serán réplicas exactas das orixinais pero en prata maciza para que sexa máis difícil que se desgaste”, sinalou onte Mayer, que calculou que as novas roupaxes do Apóstolo pesarán arredor de corenta quilos fronte ós algo máis de dez da orixinal.
As pedras que ornamentarán a capa serán similares ás orixinais en canto a cores e formas pero a súa orixe serán sintética aínda que tamén haberá algunha semipreciosa como lapislázulis ou amatistas.
Durante a creación da réplica ningunha peza provisional cubrirá os ombros do Apóstolo, segundo explicou onte o cóengo Alejandro Barral, presidente da comisión de Cultura do Cabido. “Non nos pareceu adecuado porque coas apertas a roupaxe ía estar sempre enrugada e non daría unha imaxe moi digna”, sinalou Barral, que destaca que o camarín do Apóstolo non se pechará.
O investimento na restauración e na nova peza rolda os 48.000 euros e financiarase coas esmolas deixadas polos fieis. Os traballos incluirán unha intervención na zona do baldaquín tralo Apóstolo onde se axeonllan os fieis para poñer unha prancha de cristal e evitar o desgaste do chanzo, tamén de prata labrada.”
Fonte: elcorreogallego.es

También podría gustarte
Comentarios