As obras nas Catedrais de Santiago, Ourense e Tui centran os investimentos de Cultura en 2004

Lendo elcorreogallego.es:
“O Ministerio de Cultura centrará este ano as súas accións a favor da conservación do patrimonio histórico e artístico de Galicia en obras sobre sete edificios, entre os que destacan as catedrais de Santiago de Compostela, Ourense e Tui ou a Igrexa de San Martiño Pinario.
No que respecta á Catedral compostelá, o Goberno central está a impulsar a restauración do conxunto escultórico da Lamentación sobre Cristo morto, da Capela de Mondragón.”…


…”Esta actuación conta cun investimento de máis de 126.000 euros e está “a piques de finalizar”, segundo detalla o Executivo central na resposta a unha pregunta do BNG.
Tamén en Santiago de Compostela, o Ministerio de Cultura ten previsto desenvolver accións de restauración do patrimonio da Igrexa de San Martiño Pinario, cuxos trámites levan demora porque aínda se está a definir o proxecto, segundo a explicación ofrecida.
En Ourense realizaranse catas arqueolóxicas
Este ano tamén se iniciarán obras de restauración na Catedral de Ourense para paliar as humidades que afectan o edificio. Desta forma, realizaranse obras para pór a punto as canalizacións e drenaxes necesarias para evitar os problemas de humidade que sofre o edificio.
O proxecto de restauración da Catedral ourensá, que xa está en mans do Instituto do Patrimonio Histórico Español, tamén inclúe unha intervención sobre o pavimento, que se levantará e se levarán a cabo, aproveitando a ocasión, para realizar algunhas catas arqueolóxicas. En canto á Catedral de Tui, as obras de restauración, incluídas no Plan Nacional de Catedrais, están “a piques de finalizar e só faltan por se executar as certificacións finais”. Neste edificio tratáronse as humidades, limpouse a fachada norte e consolidáronse elementos das cresterías e pináculos, así como algúns elementos do cimborrio.
Durante as obras de restauración da Catedral de Tui acháronse enterramentos correspondentes a unha necrópole anterior á edificación desta, que se descubriron ó realizar unha gabia para colocar unha drenaxe ó lado dos muros da Sala Capitular e poder solucionar os seus problemas de humidade.
Este proxecto de recuperación e restauración do Patrimonio que pon en marcha o Ministerio de Cultura contou xa o ano pasado con diversas actuacións, baixo un investimento de 11 millóns de euros, centrando a súa actuación en dez programas diferentes. O que maior contía recibiu foron os tres bens declarados pola Unesco como Patrimonio da Humanidade, o Camiño Francés, a cidade de Compostela e a Muralla de Lugo. O resto do programa de axudas tamén incluía as maiores catedrais galegas e as concatedrais de Vigo e Ferrol, ademais da posta en marcha do Plan Tesouro das catedrais dirixido a conservan o patrimonio que albergan no seu interior.
Os Castelos de Monterrei e Ribadavia en “execución”
O Castelo de Monterrei e o de Ribadavia son outros dos edificios históricos que se beneficiarán das accións de restauración impulsadas este ano en Galicia. No primeiro caso, o Goberno baralla que as obras estean finalizadas en 2007, mentres que a actuación no Castelo de Ribadavia está “en plena execución e finalizará este ano”.
Finalmente, as accións de restauración do Mosteiro de Monfero foron programadas para os anos 2002-2003 e están “en plena execución”. Estas obras contan cun investimento de case 273.000 euros.
O Goberno central explicou na súa resposta parlamentaria que a responsabilidade da protección e conservación do patrimonio histórico galego correspóndelle “en exclusiva” á Xunta. Non obstante, lévanse a cabo reunións periódicas entre ambas as dúas administracións para decidir cáles son as actuacións nas que colaborarán.
Ademais dos investimentos das administracións estatal e autonómica, o patrimonio catedralicio de Galicia conta tamén coas accións impulsadas polas respectivas dioceses, sobre as que recae a propiedade.”
Fonte: elcorreogallego.es

También podría gustarte
Comentarios