CABREIROS CELEBROU AS FESTAS DE SANTA MARIÑA
Cabreiros, unha das parroquias máis importantes do concello de Xermade, celebrou esta fin de semana as súas festas patronais na honra a Santa Mariña, unha das de máis tradición en toda a comarca. Este ano o campo da festa trasladouse a unha bonita paraxe á beira do río.
Estas populares e antigas festas de Cabreiros comezaron o venres cunha verbena a cargo da orquestra Asiria. O sábado iniciouse con bombas de palenque anunciando as festas e misa á unha do mediodía e posterior procesión e logo a sesión vermú coa orquestra Los Españoles que tamén estivo na verbena xunto a afamada orquestra Los Trovadores, fundada no ano 1953 e na que estivo o gran Pucho Boedo. De aí que nos inicios ase denominara Pucho Boedo y Los Trovadores, para posteriormente pasar a chamarse Los Trovadores.
O domingo repetíronse os actos relixiosos do sábado e música nas pezas da misa coa orquestra Emperadores, que repetiu na verbena da noite.
A PARROQUIA DE CABREIROS
Cabreiros ocupa un territorio duns vinte quilómetros cadrados e conta cunha poboación de 264 habitantes, repartidos en varios lugares e aldeas, sendo o máis habitado O Chao (75 hab.), onde se atopa a igrexa parroquial, seguido de Leboré (43), San Martiño (42), A Touza (24), O Empalme (21), O Reguengo (19) , Cabreiros (15), As Cernadas (13), Vilacide (8), O Revellón (2), Penachaíña (1) e A Touza Vella (1).
Limita polo norte con Roupar, ó sur con Candamil e Xermade, ó leste con Lousada e ó oeste con Miraz e O Aparral, parroquia do concello das Pontes. O seu territorio ten unha altura media de catrocentos metros sobre o nivel do mar, aínda que hai cumes que superan os 500 metros, como o Monte Espiño (615 metros), O Coto do Reguengo (561 metros) e a Penachaíña (527 metros).
O río Trimaz, chamado aquí rego de San Martiño, atravesa a parroquia de norte a sur. Polo norte discorre o río de Porto Souto.
A igrexa parroquial, de construción recente (1983), está no lugar do Chao, á beira da estrada de As Pontes a Vilalba. Hai interesantes cruceiros, case todos construídos a finais do século XIX e principios do XX. Destacan os do Revellón (1898), O Rego (1909), no camiño de Cernadas ó Tumbadoiro, o de Cabreiros (1948), o de Leboré (1895), o de San Martiño (1906), o da Touza (1894), o do Empalme e o do Chao, situado á beira da igrexa parroquial, sendo o máis antigo da parroquia, pois a súa construción data de 1870. Tamén hai numerosas medoñas e castros como o de Baxín e o de Vilacide.
Dende hai uns anos existe unha asociación veciñal, que con moito acerto dinamiza a vida cultural e social da parroquia. Conta cun local social no que antes foi a escola desta parroquia, hoxe magnificamente rehabilitada.
CABREIROS, PARROQUIA DA XURISDICIÓN DE AS PONTES
Ata 1833 a parroquia de Cabreiros formou parte da xurisdición de As Pontes, unha das 45 en que se dividía a antiga provincia de Betanzos, formada polas parroquias do Deveso, Espiñaredo, O Freixo, As Pontes, Vilavella e a citada Cabreiros. O señorío e o nomeamento de xustiza era exercido polo conde de Lemos. Despois, ó crearse a nova división administrativa provincial pasou a ser do concello de Xermade e provincia de Lugo.
O dicionario Madoz, unha interesante publicación de 1842, a pesar de ter algún que outro erro, describía con todo detalle as aldeas, lugares, casaríos, parroquias e concellos da Galicia daquela época.
En canto a Cabreiros cita que é unha freguesía do bispado de Mondoñedo e concello de Germade, do que dista media legua. Comprendía 50 casas distribuídas en los lugares de Cabreiros, Cernanda, Chao, Leboré, San Martín da Fraga, Touza y otros caseríos de poca importancia.
No aspecto eclesiástico refírese La igl. Parr. (Santa Marina) es única y su curato de entrada y patronato del duque de Lemos, hoy de Werbik; tiene una ermita con la advocación de San Victorio, sin que en ella se celebre festividad alguna, y el coto de San Martín da Fraga pertenecía al extinguido monast. de Lorenzana.
Describe a situación da parroquia: situada en una llanura en su mayor parte, su clima frío y los vientos más reinantes son N. NE. y S. y las enfermedades, fiebres, anginas, dolores de costado é intermitente. Segue referíndose á súa orografía: el terreno es de mediana calidad y los montes que se hallan al E., denominados Calgrande y Pena da Cruz, son desp.; le baña un r. sin nombre especial que despues toma el de Trimaz; corre de N. a SO. y le cruzan 2 puentes, el nombrado Portonobo de madera y el de San Martiño cubierto de losas. Por el N. cruza el camino que de Villalba dirige al Ferrol y se halla en mal estado. El correo se recibe de la estafeta de Villalba a donde cada uno lleva y recoge su correspondencia.
Remata a descrición de Cabreiros no referente á súa economía e poboación: centeno, patatas, algún trigo y otros frutos menores; cría ganado vacuno, caballar, de cerda, cabrío y lanar; hay caza de perdices y liebres. POB.: 50 vec., 256 almas.
Cabreiros, 15 de xullo de 2013 (AF)
Nova cortesía de A.F.