Cal é a realidade en Cataluña?

Artigo enviado por Xosé-Bieito Coello

Seguramente pola distancia e a veces pola información terxiversada descoñecemos a situación de Cataluña. Digo isto, porque non nos cansamos de ler, escoitar e ver en tódolos medios a enorme crise que padece esta nacionalidade e a mala xestión que esta a facer o seu goberno, agravada nestes derradeiros meses pola tardanza en formar un goberno definitivo.

Pola contra si alguén mira para algúns datos reais non terxiversados, pode ver, por exemplo, que en decembro, nunha das autonomías de España onde máis descendeu o desemprego, -o problema máis grave que temos en España-, foi en Cataluña, pola contra, nunha autonomía como a galega, o desemprego foi un dos lugares onde máis se incrementou, e iso que os nosos gobernantes non paran de contarnos as marabillas que ten a estabilidade e que o noso goberno é un exemplo para toda España.

Tamén se di que moitas empresas cataláns polo medo a inestabilidade se van de Cataluña, e deberíamos ter algunhas dúbidas sobre esta afirmación, pois moitos mozos e mozas galegas seguen a emigrar a Cataluña para buscar traballo, e non se produce a situación contraria, o que algo explica. Mentres aquí coa magnífica estabilidade pecharon once mil empresas nestes derradeiros anos, acabo de ler que preto de Barcelona, Amazón, unha enorme empresa multinacional, acaba de comprar un solar para instalar o maior almacén de distribución do sur de Europa, por poñer un exemplo.

E tampouco se produce en Cataluña un abandono do rural semellante o galego, onde o número de lugares e aldeas abandonadas aumenta día a día dunha maneira bestial, e sen que se poña ningún remedio para evitalo.

Outra cousa que se critica é a creación de oficinas por parte da Generalitat no estranxeiro para promocionar o comercio catalán e as súas exportacións, dicindo que isto orixina moito gasto, máis algo tiñan que facer, ante a inoperancia e burocracia das embaixadas españolas, e así o entenderon comunidades como a madrileña ou a andaluza, entre outras, que non son nacionalistas, e que ata fai pouco tempo tiñan moitas oficinas deste tipo. E en canto o gasto destas oficinas, o que hai que mirar o seu rendemento, pois senón antes alguén tería que explicar o enorme gasto orixinado pola embaixada de España no estado Vaticano, que xunto con outras embaixadas, so serven para lucimento duns burócratas.

En resume, é importante a estabilidade, mais se conduce a converter Galicia nunha gran residencia de vellos, iso si, moi tranquiliños, moita xente nos negamos a apoiar esta falsa estabilidade.

Moi atentamente,

Asinado: Xosé-Bieito Coello Coello

También podría gustarte
Comentarios