CENTOS DE PERSOAS CELEBRARON A TRADICIONAL ROMARÍA DA FRAGA, QUE DEU REMATE ÁS FESTAS DO VERÁN DE AS PONTES

Centos de mozos ponteses e forasteiros vidos de toda Galicia e incluso de fóra do país galego, celebraron ó mediodía do martes 25, no Día Nacional de Galicia, a sesión vermú da Festa da Fraga, que conta xa con 114 anos de vida.

Centos de mozos ponteses e forasteiros vidos de toda Galicia e incluso de fóra do país galego, celebraron ó mediodía do martes 25, no Día Nacional de Galicia, a sesión vermú da Festa da Fraga, que conta xa con 114 anos de vida.

Nesta ocasión á orquestra Jerusalén foi a encargada de divertir ós mozos e mozas con cancións de moda e tamén populares. Os xa máis botados en anos miraban, moitos con sorpresa, como os máis novos protagonizaban durante dúas horas unha auténtica desfeita de bebida, barro, herba e auga, seguido do baño no emblemático río que leva o nome da deusa Eume. Despois, o xantar e pola tarde festa rachada amenizada pola batucada coruñesa Trópico de Grelos. Á noite actuación do grupo Astarot e Revólver.
En varias cabanas había carteis reivindicativos contra a extinción do colexio Monte Caxado. Algunhas persoas portaban camisetas en contra do peche do colexio.

Na noite anterior o festival folk, que xa vai pola súa 20ª edición, con Tiruleque, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, Festicultores Troupé e o acordeonista pontés Andrés Penabad. Na xornada do domingo 23 houbo unha churrascada popular que se veu deslucida pola chuvia.

A ROMARÍA DA FRAGA

Dende tempos ancestrais As Pontes destacou por unha profunda devoción mariana. Primeiramente os veciños honraban como patroa á Virxe da Asunción o 15 de agosto. Pero, trala creación en 1736 da Confraría do Carmelo por parte de Blas Santomé Aguiar, irmán do entón párroco de As Pontes, a festividade do Carme comezou a tomar notoriedade entre os ponteses, anulando incluso á que se viña celebrando en agosto e así no ano 1860 a Virxe do Carme pasou a ser patroa de As Pontes. A súa imaxe, doada no ano 1872 e coroada en 1958, está situada na pequena capela na praza do seu nome.

A comezos do século XX era habitual na maioría das comarcas de Galicia que a festa patronal rematara co “patrón pequeno” o día festivo seguinte. As Pontes non podía ser menos e así no ano 1904 o xuíz de paz, Manuel Fernández Vidal, coñecido por “Manolo de Carmen”, levou a iniciativa de facer realidade o desexo dos veciños instituíndo unha romaría popular o 25 de xullo.

O lugar elixido foi unha finca dunhas oitenta áreas de superficie, situada nunha volta do río Eume preto da Areosa e que estaba totalmente poboada de carballos e outras árbores pequenas. A finca, coñecida como a “illa da Ramalleira”, era propiedade de Sergio Rivera Chao e estaba totalmente rodeada polo río Eume, polo que os romeiros tiñan que achegarse á mesma a través dunha pequena ponte.

A partir desa data e ata o 1948, os ponteses e foráneos ían de romaría a esta paraxe na popularmente chamada “Festa da Illa”, nome que aínda os veciños seguían empregando cando xa se celebraba no espazo actual.

Por mor da construción da presa da central da Calvo Sotelo no ano 1948, que anegou a pequena illa, os veciños tiveron que cambiar de lugar e para elo elixiuse unha finca no barrio do Barreiro, que era propiedade de Rita Cabarcos Durán, que fora mestra da escola de As Pontes.

Esta fraga, chamada popularmente de “Dona Rita”, foi o lugar escollido para celebrar o día de Santiago, para que os veciños seguisen gozando desta xira campestre. E dende 1950 vense celebrando neste fermoso enclave natural situado á beira do Eume, entre os poboados da Fraga e do Barreiro, que hoxe en día quédase pequeno pola masiva afluencia de romeiros, polo que as merendas e cabanas fanse ás dúas beiras do río Eume.

Ata 1966 o baile remataba ó solpor e a verbena celebrábase na praza do Hospital. A finca fora doada polo seu propietario, pero ó falecer sen escriturar a doazón, o concello quedou obrigado a mercala ós herdeiros a comezos dos anos setenta.

Foi anecdótica a súa compra, xa que o señor Vilaboy, presidente do Liceo, fixo de taxador da finca e dos carballos para saber se o prezo era o axeitado, manifestándolle ó concelleiro señor Faraldo que a fraga sen os carballos non valía nada, pero con eles e para o que se quería utilizar, o prezo era bo e que se na mercaba o concello faríano os socios do Liceo. O concello, presidido entón por Asterio Vera Garrido, adquiriuna por 725.000 pesetas.

Ata hai uns vinte e cinco anos as merendas eran ó descuberto, tan só había algunhas típicas cabanas feitas por grupos de amigos. A máis popular dos anos sesenta e setenta foi a da “Peña San Miguel”, que construía a súa cabana nunha palafita sobre o río Eume e que despois fixeron os Camilos durante varios anos, pero neste tomaron a decisión de non facer. Había concursos de cabanas, empanadas e traxes galegos e a música popular e tradicional amenizaba as merendas dos numerosos romeiros que enchían completamente o parque e fincas dos arredores.

Nos primeiros anos da década dos setenta foi unha época de apoxeo con afluencia de miles de romeiros, moitos de fóra, pois o concello decidiu adicar o día de Santiago a unha vila ou cidade, incluso había actos de irmandade das corporacións municipais. A Coruña (1970), Ferrol (1974), Viveiro (1975) e Ortigueira (1976) foron as primeiras localidades elixidas. Logo a festa decaeu un pouco volvendo a coller auxe na derradeira década do século XX.

Nesta época a asociación Niño de Azor institúe o pano verde, a imitación do vermello dos “sanfermines”, e a xuventude sube de ton a festa iniciada o día anterior no festival folk (que xurdiu en 1998 por iniciativa dun grupo de amigos, algúns vencellados a Niño do Azor) na sesión vermú, nun auténtico desmando de bebida, barro e auga, que continúa toda a tarde.

Nos últimos anos preténdese que as cabanas teñan unha construción típica e orixinal, confeccionada con materiais autóctonos cunha lóxica cuberta por se chove, pero que os romeiros vexan ós seus veciños de festa, como sucedía antigamente. Sen embargo, aínda vese moito plástico en moitas cabanas e merendas, cunha estrutura totalmente pechada, que desentoa co sentido popular desta antiga romaría pontesa declarada de interese turístico pola Xunta de Galicia por resolución do un de xuño de 2001 e que constitúe un dos selos de identidade desta vila do Alto Eume.

As Pontes, Romaría da Fraga 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios