César Dapena, Presidente da Asociación de Artesáns do Eume e canteiro: «O noso cabalo de batalla é tratar de mellorar a comercialización»

32

(La Voz de Galicia) Hai dezaoito anos deixaba un traballo estable en Endesa por lanzarse á aventura de vivir do que realmente lle gustaba: darlle forma ás pedras, unha paixón herdada dos seus avós canteiros. Hoxe, o escultor César Dapena Pichel (Forcarei, 1963) di non arrepentirse. De feito, «foi a mellor decisión que puiden tomar na miña vida», asegura. E convencido diso, preside a Asociación de Artesáns do Eume, fundada en 2002 e formada por 21 profesionais da comarca e dos municipios limítrofes para revalorizar unha actividade cunha materia pendente: a comercialización.
CésarDapena.jpg


-¿Aínda se segue a ver a artesanía coma unha afección?
-Non, pero o problema é que se segue tomando como unha segunda actividade, fundamentalmente porque é moi difícil vivir da artesanía. A maior parte da xente son reacios a darse a coñecer e ademais son moi poucos os que están dados de alta. Moitos deles son xubilados aos que non se lles permite traballar nunha situación legal, porque non está regulado laboralmente.
-¿O público valora o labor artesanal?
-A todo o mundo lle gusta, pero á hora de facer inversión non a fai. A xente ten que tomar conciencia de que a artesanía é unha peza única e saber o que supón facer peza a peza. Pero nas feiras de artesanía o que funciona son as cousas pequenas.
-¿É ese o principal problema?
-A comercialización é o cabalo de batalla da artesanía. Vivimos do boca a boca, dunha comunicación moi primaria, porque é difícil entrar nas canles de distribución porque os intermediarios poñen condicións bastante negativas para os artesáns. Pero tamén é culpa nosa, porque non somos capaces de crear o entorno para que a xente que aprecia esa artesanía sexa capaz de chegar a ela. Quizais as feiras non son o mellor xeito de chegar á xente que valora esta actividade.
-¿Que se está a facer para mellorar a situación?
-Temos un proxecto para crear un centro de formación e de comercialización dos produtos, co que tamén se trataría de vincular os recursos naturais que existen no territorio como materia prima. Trátase dunha iniciativa a medio ou longo prazo, pero temos moita ilusión, e Agader subvenciona a metade dos 165.000 euros en que está orzamentado. Con iso conseguiríamos ter un centro que sería punto de referencia en Galicia.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios