Amigus
As Pontes

Chega o funk en galego

[El País, por José Luis Estévez] Ninguén sabe moi ben explicar a razón pero o certo é que nos últimos tempos a temperatura da febre do funk está a subir en Galicia. Dunha a outra punta do país é posible escoitar a bandas que teñen coma bandeira o estilo musical que inventou o recentemente falecido James Brown. Na maioría dos casos non se trata de funk puro senón misturado con outras fontes musicais, pero o certo é que o aroma da música negra está a impregnar os discos e maquetas de moitas bandas galegas que unha vez que o proban xa non o poden esquecer. Nalgúns casos os vocalistas ata cantan os seus temas en galego. Seguro que nin sequera o padriño do funk creou algunha vez que a súa influencia chegaría tan lonxe.


O estilo musical que inmortalizou James Brown rexurde entre os grupos do país
JOSÉ LUIS ESTÉVEZ
O veleno do funk entra moitas veces sen avisar. É o que lles aconteceu ao grupo coruñés Loretta Martin que comezou a súa carreira musical hai cinco anos con unha mistura de rock e blues que paso a paso, foi evoluíndo cara aos sons máis influídos pola música negra. Agora a súa proposta é unha fusión de rock, acid-jazz, funk e música brasileira pero cantada en galego. O baixista Fran Sanz asegura que o idioma de Galicia ten unha gran riqueza sonora é non supón ningún problema adaptar as letras a este idioma. “Nós cantamos en galego desde o primeiro día, pero non se tratou dunha decisión consciente. Saíunos así”, explica. Entre as influencias de grupos funk visibeis en Loretta Martin cita a bandas coma os británicos Jamiroquai e os brasileños Zuco 103. Non teñen relacións con outros grupos funk galegos pero foron teloneiros da banda española que elevou a música de James Brown á categoría de relixión: a Fundación Tony Manero, un grupo moi habitual nos escenarios galegos e que protagonizou algúns concertos apoteósicos nos últimos anos.
No caso de Dr. Funkstein, un grupo das Pontes, o espíritu de Brown tamén apareceu de súpeto. Todos os seus integrantes teñen gustos musicais diferentes e nesa mistura está a orixe do nome da banda, que fai do eclecticismo unha das súas bandeiras e canta os seus temas en castelán, inglés e galego. Genel, baixista do grupo, sinala que os temas de bandas e solistas coma Jamiroquai, Red Hot Chili Peppers o Jimi Hendrix están moi presentes na evolución musical do grupo pontés.
Os membros da banda arousana Cornelius tamén proceden de grupos con estilos musicais moi diversos. Algúns deles, como o baixista Antonio Casado, estiveron con anterioridade en Salty Water, unha banda de Vilagarcía que xa tiña moi presente a influencia do funk. Casado explica que a incorporación do cantante Chiquillo e a súa voz “negroide” ao proxecto de Cornelius acabou por facer que o virus do funk os contaminase dun xeito definitivo. “Facemos o tipo de música que nos apetece e góstanos moito a música negra. Entre os intérpretes que nos influiron podemos citar a xente coma James Brown, Curtis Mayfield ou o propio Michael Jackson, que tivo unha época de cancións moi boas”, explica Casado.
Pese a que moitos destes grupos comparten estilos e influencias musicais é curioso que a maioría nunca compartiu escenario. O certo é que os que queiran vibrar cos ritmos sincopados do funk o teñen doado porque é seguro que algunha destas bandas ofreza unha actuación perto do lugar onde viven. Á nómina de grupos con presenza do funk hai que engadir a bandas coma Moon Cresta, Phanton Club, Cinnamon Gum ou Donatore di Groove. O certo é que a febre esténdese polas catro provincias sen distinguir pobos, vilas ou cidades. Se o vello James Brown erguera a cabeza, de seguro que viría a Galicia a botar unha ollada a eses mozos brancos que cantan cancións que semellan súas nesa lingua tan rara para el.
Podedes ver o artino neste enlace
Artigo remitido por Luihi

También podría gustarte
Comentarios