A necesidade desta coordinación vén motivada pola situación actual de Endesa, a falta de produción, o anuncio de formación en mantemento para persoal propio e as negativas perspectivas de normal funcionamento na Central de Carbón.
Nesta reunión acordouse o seguinte:
• Responder colectivamente se hai calquera perda de emprego.
• Convocar ás patronais de tódalas empresas auxiliares a unha reunión conxunta, para coñecer cal é a súa situación neste escenario e as perspectivas máis inmediatas.
• Manter unha reunión, o próximo martes, día 23, co Comité de Empresa de Endesa, para trasladarlles a nosa visión e delimitar o campo de actuación.
• O mesmo día, o martes 23, reunión no Concello das Pontes co Alcalde e representantes dos Grupos Municipais, onde queremos realizar unha proposta de resposta conxunta ante a crise que a situación actual supón para o pobo das Pontes.
• Non convocar eleccións sindicais nas compañías auxiliares para evitar calquera enfrontamento que supoña división sindical.
• Asemade, tamén temos solicitada unha reunión co Conselleiro Delegado de Endesa, sr. Bogas, sobre a que aínda non temos resposta.
As Pontes, 19 de xullo de 2019