Entrega de sinaturas no Concello das Pontes con respecto a eliminación de árbores no Poboado da Madalena

No día de hoxe, venres 11 de Xuño de 2010, fíxose entrega no rexistro do Concello das Pontes, á atención do alcalde Valentín González Formoso, dun escrito acompañado de máis de 400 sinaturas apoiando o mesmo. Ditas sinaturas recolléronse na propia vila e tamén mediante unha fórmula online, para facilitar unha maior posibilidade de adhesión a esta causa.
Esta acción foi promovida por un grupo de veciños e veciñas das Pontes, que de xeito espontáneo e responsable decidiron tomar un posicionamento común en relación á eliminación de árbores que se está acometendo no Poboado da Madalena.
En dito poboado estanse a executar obras relacionadas coas canalizacións do subministro de auga, alcantarillado e pavimentación, de cara a mellorar o estado no que se atopa.
Para a realización de ditas obras estanse a eliminar árbores. Con anterioridade realizáronse idénticas obras noutra rúa do Poboado e o resultado final foi, entre outros, a eliminación total das árbores existentes, coa conseguinte perda estética, ambiental e de calidade de vida.
Somos moitos os veciños e veciñas das Pontes, residentes ou non no Poboado da Madalena, que consideramos que unha das grandes vantaxes deste núcleo residencial é a súa peatonalidade, o espazo verde, as áreas de xogo e prazas, etc.
Entendemos a importancia das obras a acometer, así como a necesidade puntual de eliminar aquelas árbores que estén causando un perxuízo para tal fin.
Cremos que debería existir unha planificación global con respecto ao Poboado da Madalena, evitando a fragmentación do mesmo e unificando criterios estéticos e de calidade medioambiental.
Esiximos por parte do Concello das Pontes:
Coñecer pormenorizadamente o proxecto da obra que se está acometendo na actualidade, así como as vindeiras actuacións previstas no Poboado da Magdalena.
A restauración das zonas verdes, devolvéndoas ao seu estado orixinal na medida do posible. Plantación de novas árbores, buscando especies que non causen danos.
As políticas de urbanismo deberían rexirse por criterios de responsabilidade ambiental, sostibilidade, potenciación de áreas verdes e mellora da calidade de vida, algo que, lamentablemente, non detectamos no equipo de goberno do Concello das Pontes.
Agardamos que o Concello resposte á nosa petición, tome en serio este clamor cidadán, poña os medio precisos para remediar esta situación creada e entenda que non debe volver a repetir erros coma este.

También podría gustarte
Comentarios