Entrevista a Borja Prieto Valera. Por Xosé Ferreiro

FALAMOS CON BORJA ANTES DE ACUDIR Ó MUNDIAL DE PIRAGUISMO DE HUNGRÍA, CITA NA QUE ESTÁ EN XOGO A SÚA CLASIFICACIÓN OLÍMPICA.
Dez veces campión galego, nove veces campión de España, campión de Europa Sub23 en 2004, bronce no Europeo Absoluto 2009, cuarto clasificado no Mundial Absoluto 2009, cuarto posto nos Xogos do Mediterráneo 2005 … Este venres día 19 o gran deportista pontés Borja Prieto Valera (1982) intentará facer xustiza co seu pobo buscando convertirse no seu primeiro representante olímpico, e honrar así a moitos deportistas locais que por diversas circunstancias quedaron ás portas da cita olímpica. E buscará conseguilo dentro do mundo do piraguismo, o deporte que máis alegrías deu á vila pontesa. Para intentar esta gesta Borja estará moi ben acompañado no seu K4. Con él palexará o asturiano, doble campión mundial de relevos, Fran Llera, o cangués, campión de Europa Junior en 2008, Rodrigo Germade, e o vasco Iñigo Peña, cuarto clasificado no Europeo e Mundial Junior, e que, ós seus apenas 20 anos é unha das sensacións do ano no piraguismo estatal en pista.
Este venres 19 ó mediodía As Pontes ten unha cita coa historia, e o pobo pontés intentará empuxar un pouco e desde a distancia para que o seu veciño Borja consiga unha praza en Londres 2012, e ogallá que o poda facer acompañado da gran Gema Buitrón.
En réxime de concentración en Madrid, e con moi pouco tempo libre, Borja atendeunos uns minutos coa amabilidade que o caracteriza. É consciente da gran competencia e da enorme dificultade do seu obxectivo, pero ten as súas esperanzas e, despois de estar a un paso en 2004 e 2008, soña con poder engadir a merecida cita olímpica ó seu gran palmarés. Tanto él coma os seus compañeiros levan moitas semanas adestrando xuntos, e darán todo de si cando comece a competición, asi que clasifiquen ou non, xa teñen conseguido o máis importante, o respeto de todos.
Falei con Borja apenas uns días antes de partir hacia Hungría e estas son as súas impresións sobre como afrontarán él e os seus compañeiros o Campionato do Mundo.

borja_1.jpg

De adiante a atrás Fran Llera, Rodrigo Germade, Borja Prieto e Íñigo Peña


Hola Borja, ¿que tal vai todo? Penso que cando cheguedes a Hungría, e salvo algunha selección superclase, todos habedes de estar coa mesma impresión, “eu creo que estou ben, pero non sei como estarán os demáis” ¿que sensacións tedes nestes momentos os integrantes do K4 español?, ¿como van os vosos test e a vosa preparación?
Boas Xose, deches no clavo! (risas). A verdade é que a preparación vai moi ben, agora mesmo estamos coa “posta a punto” e creemos que imos chegar no mellor momento da tempada os días 19 e 20 de Agosto que son nos que competimos.
Por certo, dende a Copa do Mundo de Alemaña ata o Mundial de Szeged non tivechedes ningunha competición internacional para medir forzas, anque xa vos coñecedes moito todos, ¿tedes algo de incertidume porque non sabedes canto avanzan os demáis ou tedes algún tipo de información do resto de seleccións?
Incertidume non temos moita porque dende a Copa do Mundo de Duisburgo ata agora melloramos moito en acopramento, aparte estes días estamos compartindo algúns adestramentos coa selección arxentina, que tamén está adestrando aquí en Madrid para o Campionato do Mundo.
Contanos, ¿cantas prazas olímpicas hai en xogo na vosa categoría neste Mundial, e como se distribúen? ¿Hai outras opcións ademáis da cita mundialista?
No Mundial hai 10 prazas en xogo, nas que teñen que estar representados un mínimo de 3 continentes, segundo o Mundial de Poznan do ano pasado clasificarían 8 países europeos, un de Oceanía e outro de América, e é a única oportunidade que temos para clasificar, xa que no k4 non hai repesca no Campionato de Europa do ano que vén, repesca que sen embargo si teñen os k1 e os k2, que terán outra praza máis a disputar nese Europeo do 2012.
Borja, segundo puiden ver no programa da vosa competición, haberá catro series ó comezar as regatas no K4, polo tanto deduzco que participarán algo máis dunha trintena de barcos, e pra que a xente se faga unha idea da enorme dificultade da vosa criba olímpica, en maior ou menor medida, polo menos uns 20-25 kaiaks teñen as súas opcións de clasificarse, ademáis si xa de por si había competencia nesta proba, nos últimos meses apareceron algúns países pisando moi forte, como Australia, Portugal ou Reino Unido. Dende logo ás seleccións que se consigan clasificar habería que mantealas (risas). ¿Que posibilidades lle ves ó K4 español, cales son os teus favoritos e que países crees que van a estar na pelexa polas dez prazas?
Posibilidades temos moitas, penso que entre os 8 primeiros no Mundial podemos estar nós e incluso algúns postos máis adiante. Ningunha embarcación parte como favorita porque hai moitos k4 dun nivel altísimo nunha marxe de 3 segundos, por exemplo, Eslovaquia, que foi prata en Pekín 2008, so puido quedar de novena no último Europeo celebrado hai un par de meses en Belgrado.
Posibilidades de conquerir as prazas olímpicas teñenas máis ou menos os 15 primeiros barcos do Mundial do ano pasado, máis Portugal, que non participou en Poznan 2010.
Pero para min os que máis opcións teñen son Bielorrusia, campiona olímpica e mundial, Francia, actual campiona do Mundo, Portugal, actual campión de Europa, e Hungría, que palexará en casa e non vai deixar pasar a oportunidade de facelo ben na proba raíña.
Contanos, ¿como é o día a día das vosas vidas ó cabo dunha semana nestes últimos meses?, refírome a tempo de descanso, comidas, tipos de adestramento, horas que adicades a adestrar ó día …
Pois agora neste último stage en Madrid o ritmo que levamos é tal e como che conto a seguir:
07:45 Almorzo
08:30 Viaxe a Picadas (que é o Pantano, onde adestramos uns 45 minutos)
09:30 Primeiro adestramento (1h30-2h) (kaiak)
11:30 Aperitivo (Un par de pezas de froita)
12:00 Segundo adestramento (1h-1h30) (Kaiak e carreira ou traballo no ximnasio)
14:00 Comida
15:15 Sesta (30-40 minutos)
16:30 Terceiro adestramento (1h) (kaiak)
18:00 Viaxe de volta a Madrid
19:00 Cuarto adestramento (ximnasio e estiramentos)
21:00 Cea
23:00 Durmir
borja_2.jpg
E no tema da comida, ¿tedes unhas dietas moi estrictas, supresión de algún tipo de alimento, poucas cantidades … ou polo contrario comedes de todo, e, evidentemente sen abusar, sen límite de cantidades?
Nos seguimos todo o ano unha dieta bastante controlada, pero as últimas semanas previas á competición controlamos todo ó milímetro.
Cando estamos coa posta a punto non precisamos comer tanto e así tamén aproveitamos para perder dous ou tres kilos, que entre a dieta e a competición pérdense fácil, e favorecenos á hora de palexar porque así estamos máis lixeiros.
Aparte do voso K4, ¿a que outras embarcacións españolas lles ves con opcións de conquerir o billete pra Londres 2012?
Pois dos kaiakistas, eu penso que todos estamos capacitados para conquerir a praza, pero vai a depender de cómo cheguemos ó dia D e á hora H no momento de competir.
Tes razón, así é o mundo da competición e do deporte a alto nivel, tantas horas e tanto tempo adestrando para acabar xogandovos a clasificación en so tres minutos. ¿Que virtude ou cualidade crees que lle aporta cada un dos catro á vosa embarcación?
Pois por orde no k4, de adiante a atrás, direiche, Fran, potencia e velocidade, Rodri, potencia e boa transmisión a Fran, eu, potencia e resistencia, Íñigo, resistencia e velocidade.
Borja, houbo moitos deportistas ponteses con grandes cualidades que por diversas circunstancias se quedaron no camiño hacia as Olimpiadas, ti mesmo estiveches a puntiño de acudir a Atenas 2004 e a Pekín 2008. ¿Crees que a vida, o destino e a historia lle deben uns Xogos Olímpicos a Borja Prieto e a As Pontes?
A As Pontes digoche eu que desde logo que si! ¿A min?, xa se verá, eu estou moi contento coa miña carreira deportiva, á que me encantaría engadirlle uns Xogos Olímpicos no meu historial, pero como che digo, xa se verá. Aparte de min tamén está Gema que aínda lle queda outra oportunidade para lograr a clasificación a Londres e ogallá que o consigamos os dous!
Ogallá! Que despois de tantos grandes piragüistas habidos neste pobo como Torrente, Corral, Feijoó, Polo e tantos outros imaxinate si tes o luxo ti de ser o primeiro representante olímpico. Tesnos tan mal acostumados, que moita xente igual non o sabe, pero entre Junior, Sub23 e Absoluta xa levas moitas convocatorias coa selección española para estas grandes citas, co difícil que é chegar, e moito máis manterse. ¿En cantos Europeos e Mundiais levas competido e de cales gardas os teus mellores recordos?
Pois mira, con este levo seis Mundiais, Zagreb 2005, Szeged 2006 e 2011, Dusiburgo 2007, Darmouth 2009 e Poznan 2010, e tamén cinco Europeos na categoría absoluta, Poznan 2005, Racice 2006, Pontevedra 2007, Brandenburgo 2009 e Avilés 2010, e quedome co primeiro Europeo e co primeiro Mundial, quizáis por ser o meu debut, aínda que cada un é especial en si.
Por certo, ademáis, eu diría que vas ter moito apoio do público local aló en Szeged ¿non? (risas)
Pois si (risas). Casualidades da vida, a miña noiva é de alí e coñecina hai cinco anos durante a disputa do Mundial de Piraguismo de 2006. Ademáis tamén van a estar a miña nai e a miña irmá Candela, así que imos ter a parte do público a favor (risas). Vai ser un Mundial moi especial para min.
borja_3.jpg
Que ben. ¿Algún obxectivo ou competición cando remate o Mundial e no que queda de 2011?, ou simplemente descansar (risas).
A semana seguinte do Mundial vou a competir na Nelo Summer Challenge, unha competición de Surfski que se compón de dúas regatas, unha de 10 km e outra de 800 metros e en caso de clasificar para os Xogos Olímpicos posiblemente participemos no Pre-Olímpico que se celebra o primeiro fin de semana de Setembro, e logo si, a descansar un pouco!
Por certo, xa levas dous anos no PiraguaMadrid ¿que me podes dicir de todo este tempo e das túas experiencias e vivencias no clube madrileño?
Deportivamente creo que din un gran salto, aínda que este ano por circunstancias de calendario non puiden coincidir con Saúl Craviotto en ningunha regata, pero aínda así conseguimos facer unha moi boa tempada, pero xa veremos se o próximo ano sigo, no tema deportivo a situación está moi ben, pero aparte disto influen tamén outros factores.
Borja, eu creo que aínda che queda gasolina para rato, e agora hai que pensar so en Londres 2012, pero ¿estarías para Río de Janeiro 2016?, ¿tes intención de deixar o mundo da piragua antes, ou “ata que o corpo aguante”?
Buf, xa veremos, agora mesmo nin mo prantexo, pasiño a pasiño faise o camiño.
O outro día leveime unha alegría, ademáis de que agora hai moitos cativos novos en As Pontes que se están apuntando ó Piraguismo vin que esta fin de semana obtiveron moi bos resultados na competición de Miño, ademáis do incombustible Polo, os rapaces sacaron varias medallas, ¿como os ves?
Pouco a pouco estanse a sacar cativos novos, que son o futuro, e espero que paso a paso se saquen máis porque o clube o merece, a verdade.
Borja, eu admirovos, si, tedes a virtude e a sorte de ser grandes deportistas, vale, pero levades varios meses nun réxime de concentración espartano, sen apenas ter contacto co mundo real, cos vosos amigos ou coas vosas familias, e por riba na época veraniega, facendo os mesmos adestramentos, a mesma rutina, horas e horas, entrenar, descansar, adestrar outra vez, comer, e volver a adestrar con unha sola meta … os Xogos Olímpicos … ¿Nestes días tedes algunha vía de escape os catro, algún momento de diversión no voso escaso tempo libre?
Home, algo hai, algunha tarde das poucas de descanso aproveitas e vas ó cine, ou a cear fora da residencia, pero nada máis, de todas formas, xa haberá tempo nas vacacións!
Se non é moita indiscreción dime cal foi a última película que vichedes. ¿Algún “capricho gastronómico” confesable?
Pois a última que vimos foi “The green lantern” e o capricho foi o sushi, que por desgracia non o poñen no menú da residencia! (risas)

borja_4.jpg

Borja co campión olímpico Saúl Craviotto Rivero

– (Risas) Bueno Borja, pois moitísimas gracias, coma sempre, ogallá que á volta, cando pases por As Pontes, o poidamos celebrar todos con unhas botellas de champán, e senon, despois de dalo todo, que che quiten o bailado, ben o sabes. Xa nos veremos e moita sorte.
Espero que así sexa e moitas gracias a ti pola entrevista Xose!
Nova cortesía de Xosé Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios