Amigus
As Pontes

FESTAS DO CARME 2017

O pasado luns 17 remataron as festas do Carme na súa primeira parte, que comezaron co pregón adicado nesta ocasión á emigración. Festas ás que acudiron varios milleiros de ponteses e forasteiros.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

O pasado luns 17 remataron as festas do Carme na súa primeira parte, que comezaron co pregón adicado nesta ocasión á emigración. Festas ás que acudiron varios milleiros de ponteses e forasteiros.

Houbo actividades para tódolos gustos e públicos, como exposicións, actividades para os máis pequenos, mostra de música coral, concertos de grupos locais, da banda de música pontesa, o festival folclórico internacional, actividades deportivas. Como é habitual, o prato forte foron as verbenas co mellor das orquestras de Galicia.

Non faltaron as funcións relixiosas e as tradicionais procesións, a da noite do sábado e a de subida do domingo. Na procesión nocturna do sábado a imaxe da Virxe do Carme foi escoltada, como en anos anteriores, por unha Escuadra de Gastadores do Tercio Norte de Infantería de Mariña, con base en Ferrol, que gustou moito ó público asistente pola marcialidade dos compoñentes da escuadra, entre os que ían dúas mozas. Acompañando a Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes e presidente da Deputación da Coruña, estivo o coronel xefe do Tercio Norte de Infantería de Marina, ademais de concelleiros da Corporación Municipal pontesa. No transcurso da procesión houbo unha importante sesión de fogos artificiais e a Coral Endesa As Pontes cantou a Salve Mariñeira.

O broche de ouro das festas do verán pontesas serán os vindeiros días 23, 24 e 25 coa celebración da Romaría da Fraga, festa con máis de cen anos de historia e declarada de interese turístico. Comezará xa este sábado 23 cunha cea popular ás oito e media do serán, seguida das actuacións das Cantareiras de Alende, A Banda da Balbina e Festicultores Troup.

O luns 24 será o festival folk con Tiruleque, o acordeonista pontés Andrés Penabad, Festicultures Troupe e o gaiteiro Xosé Manuel Budiño. E o día 25, Día da Patria Galega, a centenaria Festa e Romaría da Fraga, que será amenizada por Trópico de Grelos e Astarot e contará coa actuación estelar de Revólver. A sesión vermú e a verbena contarán coa música da orquestra Jerusalén.

A ORIXE DA FESTIVIDADE DO CARME

A mediados do século XIX a festa patronal celebrábase o 15 de agosto, na honra da Asunción da Nosa Señora, que pouco a pouco foi decaendo ó fundarse a Confraría do Carme.

A imaxe da Virxe do Carme, que figura nun lugar privilexiado da capela, foi doada no ano 1872 e hai uns vinte anos restaurada polo escultor de Compostela, Miguel Rivas Varela. Esta iniciativa partiu das “Camareiras da Virxe do Carme” e foi costeada pola veciña desta vila Dª América Franco Pico (+).

O suceso máis importante para a confraría ocorreu hai máis de medio século nunha solemne cerimonia na que a virxe foi coroada. Ás sete do serán do 19 de xullo do ano xubilar de 1958, e no propio santuario, foille imposta a coroa polo bispo de Mondoñedo, Joaquín Argaya Goicoechea, a cal foi doada polos veciños de As Pontes.

A esta cerimonia, ademais de todo o pobo de As Pontes, asistiu o alcalde Cesáreo González Dopeso, o gobernador civil e diversas autoridades da provincia.

O manto e o vestido foron doados polos devotos do pobo e os “Hijos de Puentes en Cuba”, a iniciativa dos irmáns Bellas Baamonde. Dende 1983 conta cunhas novas lámpadas, xa que as antigas fóronse deteriorando co paso dos anos. Foran doadas por Sergio Rivera Chao e Hipólito Vizoso nos anos 1905 e 1957.

Esta histórica cerimonia de coroación tivo lugar nas festas patronais de 1958, despois dun ano sen habelas, e nas que, entre outras, houbo actuación do Coro Aturuxo da Coruña, a banda municipal e as orquestras Mallorca, Puentes e Trovadores da Coruña.

Nunhas festas, nas que tamén houbo competicións de pesca, de natación –na presa de Alende- para infantís e cadetes e de tiro ó prato no campo de tiro do Poboado da Calvo Sotelo e un interesante partido de fútbol.

O día 20 foi adicado á cidade de Ferrol coa participación da Sociedade do Círculo Mercantil e Industrial da cidade ferrolá. Tamén houbo xincana motorista organizada polo Moto Club Ferrol.

O baile popular celebrábase no Campo da Feira e as verbenas na praza de Cervantes, hoxe do Hospital. O día 25, o da “Festa da Isla”, comezou con dianas e alboradas e o pasarrúas de xigantes e cabezudos. Ás once da mañá concerto de música e a unha do mediodía iniciouse a caravana cara a Fraga e dúas horas máis tarde tivo lugar o concurso de empanadas.

A xira campestre rematou cun baile popular no mesmo lugar a cargo das orquestras da localidade, Mallorca e Puentes, e ás once da noite a derradeira verbena das festas na praza de Cervantes. Estas festas tamén editaron a súa revista (a primeira foi en 1953).

As Pontes, Festas do Carme 2017 (AF)

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios