Mañá finaliza o prazo para inscribirse no roteiro en defensa do río Belelle e as Fragas do Eume

PicoVello.jpg
O roteiro reivindicativo polo Pico Vello está previsto para o vindeiro sábado día 15. Serán algo menos de 3 km sobre pistas e sendeiros, no que os participantes poderán coñecer a fraga de Pico Vello. Está confirmada a participación de varios expertos que informarán sobre os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a morfoloxía do Fontardión (no que nacen ata 6 ríos e regatos), a fauna e a flora da zona, ademais de diferentes aspectos etnográficos como o aproveitamento dos soutos, a xestión dor regadíos, o funcionamento dos muíños… Pola tarde, está prevista unha visita ao Museo Etnográfico de A Capela.


Esta actividade está programada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza xunto con outras 15 asociacións da comarca, que xuntos constitúen o Colectivo en Defensa da Fraga de Pico Vello. Esta entidade defende que a aprobación do proxecto de instalación dunha mina de andalucita no concello das Pontes, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. E afectaría tamén ao Parque Natural das Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre o rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación por lixiviados, escorreduras, etc. Ademais sinalan dende a entidade que a franxa de amortecemento prevista de 50 m. non é suficiente para librar ao Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.
Charla na Casa da Cultura da Capela
Dentro das actividades programadas en defensa da Fraga de Pico Vello está prevista tamén a celebración dunha charla informativa para o vindeiro xoves13 de maio ás 19h na Casa da Cultura do concello da Capela. Na mesma intervirán expertos e investigadores para falar sobre os grandes valores naturais da zona afectada e dos impactos que a mina de andalucita producirá no medio. Intervirán: Xabier Amigo, profesor de botánica da USC; Pero Galán, herpetólogo e profesor da UDC e Roberto Hermida, biólogo experto en morcegos e membro da asociación Drosera.

También podría gustarte
Comentarios