MARRAXÓN CELEBROU A FESTIVIDADE DOS REMEDIOS
O lugar de Marraxón, situado a uns tres quilómetros ó norte da vila de As Pontes, celebrou esta fin de semana as súas festas patronaisna honra da Nosa Señora dos Remedios. Bombas de palenque anunciaron o comezo das festas na xornada do sábado, con actos relixiosos e a música a cargo do Trío La Clave e a solista Almudena
O domingo, despois da misa e procesión arredor da capela, o grupo Os Trevillas ofreceu ós visitantes pezas de música tradicional galega. Logo, tivo lugar no campo da festa a tradicional poxa do produtos da terra e despois a sesión vermú a cargo do Dúo Venus. Tamén houbo competicións de tiro de corda.
A CAPELA DA VIRXE DOS REMEDIOS
A capela está situada á beira da estrada que atravesa este lugar, que se atopa dividido en Marraxón de Arriba e Marraxón de Abaixo, que xunto ós veciños de Garabatos e Vilarnovo, suman corenta habitantes en total. Están situados nunha planicie de 500 metros de altitude, preto do encoro da Ribeira.
O santuario da Nosa Señora dos Remedios está en bo estado, xa que recentemente colocouselle novo tellado, chan, o coro e bancos. Ten un bonito e interesante retablo. No seu interior atópanse a imaxe da Virxe dos Remedios e as da do Socorro, San Antón e San Xosé. Enfronte da capela hai un cruceiro que data de 1911.
Esta advocación mariana dos Remedios está moi estendida por toda España e América. É a patroa das dioceses de Tenerife e Mondoñedo (onde ten un interesante santuario de estilo barroco construído no século XVIII polo bispo Sarmiento) e de numerosas cidades de España, México e Arxentina.
Marraxón,16 de setembro de 2013
Nova cortesía de A.F.