Mostra folclórica: Malvela

Mañá ás 19:00 no cine ALOVI teremos a XII mostra folclórica ‘vila das Pontes’, e para ir abrindo boca, aquí tedes un pouquiño de información do grupo Malvela que vai a participar nel:
Uxía Senlle: “Ás veces, as aldeas perden a voz que lle é propia, os cantares que resoaban nos camiños, nas leiras, nos lavadoiros e nas casas.”…

malvelaportada.jpg


…”Desde Sanguiñeda, Malvela é unha xanela aberta pola que saen limpos e frescos, eses cantos vellos e a forza natural destas mulleres empeñadas en non deixalos esmorecer, en encher de alegría este anaquiño de Mos que sempre precisou das súas voces e da súa presencia, porque só o pano non nos namora.
Con esta pretensión naceu o grupo Malvela, a partires dun cursiño de Cantos Populares que eu impartín organizado pola Asociación de Mulleres Rurais de Mos.
Foi especial para min polo feito de recoñecer a todas e cada unha das caras que alí se congregaron, na aldea onde nacín. E sorprendinme das ganas de aprender, de divertirse, de sair da casa, de sentir a música popular sen complexos, asumíndoa e revalorizándoa. ¡Por fin podiamos escoitar fóra do ámbito doméstico esas fermosas voces.

malvela.jpg

E outra seiva nova que se foi sumando cando nos chamaron para cantar o día da Muller Traballadora de 1997. Atopamos no camiño a un talentoso músico, o noso acordeonista Juan Eiras, a gaita poderosa de Raquel Domínguez, a pandeireta e a voz de Ana Senlle, paciente e traballadora, que pouco a pouco foi asumindo tamén a dirección vocal do grupo e a transmisión de cantos que xa son parte esencial do repertorio. As tarrañolas, a voz e o cavaquiño de Viqui imprimíronlle personalidade. E, por suposto, o entusiasmo das incansables Malvela que pasaron moitas tardes da súa vida en ensaios e romarías, actuacións no noso Concello, no Porriño, en Vigo, en Ponteceso, en Arzúa… Todas elas co afán de transmitir o mellor de cada unha:
A voz inconfundible da Sra. Carmen que apreciou e aplaudiu tanta xente, a dozura e a voz ben timbrada de Matilde, a simpatía de Silvina e os seus tréboles de catro follas, a enerxía contaxiosa de Fita, a sabiduría popular de Clara, herdada da súa nai Dorinda, e transmitida a súa optimista filla Carmiña, os aires portugueses e pícaros de Carmen de Isaías, a serenidade e elegancia de Isolina, os aturuxos e a imponente presencia de Maruxa de Ramilo, o sorriso e a alegría de Aurita, a sensibilidade de Dina, a preciosa inocencia de Teresa do Piñeiro, o dinamismo de Merchi, o terremoto do Amieirolongo. A mestra Julia, sempre xenerosa e conciliadora, a voz con carácter de Adela. E unha Malvela que non sube ós escenarios pero que sentimos parte do grupo, Camila.”
Máis información en www.malvela.com

También podría gustarte
Comentarios