Amigus
As Pontes

Nota de prensa do BNG: CINCO PROPOSTAS DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG PARA O PLENO DO MÉRCORES 12

Nota de prensa da Asemblea Local do BNG sobre das mocións presentadas ao Pleno do mércores 12 de setembro

As Pontes, 08 de setembro de 2018.- O grupo municipal do BNG, cumprindo o mandato da Asemblea Local, ven de rexistrar cinco mocións de ámbito local para o vindeiro Pleno ordinario que se celebrará o mércores 12 de setembro.

O BNG entende necesario ampliar o servizo municipal da Escola Infantil, que na actualidade presenta, unha vez máis, listas de espera ás que o goberno municipal do PSOE non é quen de darlle solución. A proposta é iniciar o expediente para a ampliación nas instalacións do Hospitalillo no Poboado das Veigas, pola adaptabilidade do edificio e da parcela aos requirimentos legais do meritado servizo -e, polo tanto, cun menor prazo de execución e menor custo-, e pola súa proximidade á actual, entre outras razón; o BNG demanda, tamén, a colaboración de Endesa Generación, da Xunta, e da Deputación da Coruña.

Outra das propostas consiste na posta en marcha do servizo Xantar na Casa, de comida a domicilio para persoas maiores, que a Xunta xestiona para máis de 165 concellos dende 2008; por cada menú, adaptado ás súas necesidades, a persoa beneficiaria aporta menos de 2 euros, o mesmo que o Concello.

Razóns de tipo social e económicas motivan a iniciativa do BNG para que as persoas con axudas municipais de emerxencia social, nomeadamente para alimentos, teñan a posibilidade de realizalas en calquera comercio local que decida participar, e non só nun supermercado. 

O BNG pretende dar outro paso máis –e xa van moitas propostas, algunha aprobada pero incumprida polo PSOE- na reclamación dos máis de 54 millóns de euros do Plan do Carbón 2006-2012 que nunca chegaron, e nos que estaban incluídos equipamentos como a Residencia de Maiores (6 millóns de euros), o Centro Integral para Persoas con Discapacidade (2 millóns), ou a ampliación do polígono de Penapurreira (24 millóns). A moción consiste en demandar do alcalde que solicite aos servizos municipais e aos da Deputación a elaboración, de xeito urxente, duns informes xurídicos sobre da viabilidade da reclamación ao estado. 

Como xa ten feito público, o BNG vai demandar no Pleno a dimisión ou destitución inmediata do Concelleiro de Obras, que ven de ser sancionado polo seu compañeiro como responsábel de cometer unha infracción urbanística grave, situación incompatíbel co seu cargo público. 

Asemblea Local do BNG das Pontes 

También podría gustarte
Comentarios