NOTA DE PRENSA DOS GRUPOS MUNICIPAIS DO BNG-AA, XUNTOS POR AS PONTES E PP: O Concello deberá reclamar máis de 140.000 € ao club de fútbol polas subvencións

A cantidade podería superar o cuarto de millón de euros despois da fiscalización da axuda de 2015.

O PSOE convocou o mércores aos grupos da oposición a unha comisión urxente para informar da súa pretensión de conceder outros 200.000 euros ao club de fútbol da localidade.

O expediente incluía unha solicitude do club con data 17 de xuño, sen rexistrar, e non presentaba proposta de acordo algunha; os informes técnicos son desfavorábeis, entre outras causas, por non acreditar a imposibilidade do club de participar nos programas xerais de subvencións como o resto de entidades deportivas locais, ou non xustificar o financiamento do 100% cando o club ten outros ingresos.

Os técnicos tamén lle recordan ao goberno municipal o resultado dos expedientes iniciados polo Alcalde en setembro do ano pasado, xusto antes da comunicación dos grupos da oposición ao Consello de Contas e á Fiscalía das irregularidades informadas polos propios técnicos relativas ás subvencións anteriores.

Segundo os informes, o club debería devolver ao Concello máis de 29.000 euros de 2011, máis de 14.000 de 2012, e máis de 93.000 de 2013, xunto cos intereses de demora e os importes das sancións.

Os representantes do PSOE votaron a favor de conceder outros 200.000 euros de subvención para o ano no que andamos, cando está pendente de rematar a fiscalización de 2015, que pode aumentar a débeda do club co Concello.

Ao parecer, o pleno será o luns ou martes próximos, nunha convocatoria urxente a menos dunha semana da ordinaria de xullo.

As Pontes, 23 de xuño de 2016

También podría gustarte
Comentarios