Nota de prensa XPAP: XUNT@S POR AS PONTES DEMANDA A INSTALACIÓN DE ASEOS PÚBLICOS NOS XARDÍNS MUNICIPAIS DO CAMPO DA FEIRA
A Plataforma Xunt@s por As Pontes faise eco da reivindicación veciñal de instalación de aseos públicos nos xardíns do Campo da Feira ou nas súas inmediacións.
Unha das principais reivindicacións que o grupo municipal levou aos plenos ordinarios dende o 2015. A resposta do equipo de goberno sempre é a mesma: “estámolo estudando”.
Tres anos deron para moito, pero polo que se ve, non para atender as necesidades das crianzas que desfrutan do Campo da Feira a cotío. Fartas de agardar, esta plataforma veciñal decidiu comezar a reivindicalo de xeito máis visible, coa instalación dunha pancarta.
Certo é que nos propios xardíns hai un establecemento de hostalería que conta con servizos, mais non esquezamos que é un negocio privado, é dicir, compele ou crea a obriga moral nas usuarias de consumir para facer uso dos aseos.
A instalación duns aseos públicos accesibles é unha demanda constante da veciñanza que desfruta dos xardíns municipais. É inconcebible que nun concello coma o noso non exista este servizo público esencial, polo que esiximos do equipo de goberno que proceda de inmediato á súa habilitación.
As Pontes, 18 de setembro de 2018
Máis información en www.xuntosporaspontes.com