Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As pontes pecha ciclo político e non se presentará como tal ás eleccións municipais

A asemblea de Xunt@s por As Pontes, reunida este domingo día 21 de abril ás 20:00h, decidiu que non vai presentar candidatura ás eleccións municipais de maio do 2019.

 Dende Xunt@s por As Pontes valoramos o traballo destes últimos catro anos como moi positivo, incluso con todos os inconvenientes que se nos presentaron, posicionándonos sempre do lado da defensa daquelas causas que consideramos xustas para o conxunto do pobo e do concello de As Pontes. 

O espíritu co que nacía Xunt@s por As Pontes no 2015, bebedor daquel 15M e da ilusión xerada na cidadanía por un cambio que demostramos que pode ser real se se aplican as políticas axeitadas, xa non permanece. Con pesar, comunicámosvos que a día de hoxe non conseguimos acadar un proxecto común, unha casa que siga sendo de todas, para presentarnos ás eleccións municipais. 

O ciclo de Xunt@s por As Pontes entendido como tal, como un grupo de persoas comprometidas co pobo que conseguiron deixar os intereses de parte a un lado e centrarse no ben do noso concello, con ilusión, con honestidade, ética e honradez, remata o vindeiro 26 de maio. A partires de aí, calquera proxecto político que empregue estas mesmas siglas ou calquera outras similares, será outra cousa diferente. 

O noso máis sincero agradecemento a todas aquelas persoas e colectivos que nos acompañástedes no camiño ao longo destes anos, e que dun xeito ou doutro, nos fixéstedes chegar as vosas reivindicacións. Fixemos o que estivo na nosa man na defensa dos intereses de todas. 

A política, tal e como nós a entendemos, pode e debe seguir aplicándose dende moitas outras esferas, non só na institución. E nese camiño atoparémonos sempre. 

Dito o anterior, animamos a toda a veciñanza a participar dos asuntos que nos afectan a todas, a implicarse na vida pública e a votar. Mudar as cousas depende de cada unha de nós. 

Xunt@s por As Pontes. 

Máis información en http://www.xuntosporaspontes.com 

También podría gustarte
Comentarios