Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes presenta unha moción para a creación dunha rede veciñal de puntos seguros contra das violencias

Con motivo do pleno ordinario de novembro e dada a proximidade do 25N, o Día Mundial da Eliminación da Violencia contra da Muller, a plataforma veciñal Xunt@s por As Pontes presenta unha moción para a “creación dunha rede veciñal de puntos seguros contra das violencias e de apoio e solidariedade coas vítimas”.

Seguindo a liña iniciada por esta plataforma no 2017, cando propuxemos a adhesión á campaña de sensibilización social “En Negro Contra das Violencias”; con esta nova proposta pretendemos dar un paso máis para que a veciñanza tome parte activamente e se implique na loita contra das violencias machistas.

A proposta, que xa é un éxito noutras localidades galegas, pretende a formación da veciñanza e das persoas que rexentan establecementos abertos ao público para que actúen como figuras de referencia e ofrezan apoio e información ás persoas que se atopen nunha situación de violencia.

O respaldo veciñal focalízase na muller, crianzas, colectivo LGTBQI, que sufran violencias na parella ou fóra da parella, tratando tamén outro tipo de agresións como o acoso, agresións sexuais, etc.

O plan consta de dúas accións:

1.- A creación dunha rede de puntos de seguridade, conformada por todos aqueles establecementos comerciais e de servizos abertos ao público (que desexen adherirse), ao que as vítimas poderán acudir e recibir información sobre os recursos existentes ao seu alcance.

2.- Acompañamento ás vítimas. Consiste en dotar de formación a unha serie de persoas que voluntariamente se presten a axudar ás vítimas en procedementos de acompañamento (por exemplo, aos xulgados ou como reforzo no punto de encontro para recoller aos menores) e protocolos de seguridade.

Dende esta plataforma veciñal pedímoslle ao Concello que se involucre activamente na creación e desenvolvemento deste proxecto, promovendo a implicación da veciñanza, das forzas de seguridade, o CIM e servizos sociais. E que dote unha partida orzamentaria específica para a execución do plan no proxecto de orzamentos para o 2019.

As Pontes, 6 de novembro de 2018

Descargar moción en PDF

Máis información en http://www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios