Nota de prensa do BNG: O Parlamento aproba a iniciativa do BNG para que a Xunta investigue os vertidos nas Pontes e As Somozas

O BNG denuncia que os vertidos incumpren a normativa e alerta da contaminación de augas para o consumo humano.
Santiago de Compostela. 20 de xuño,2013. A Portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, defendeu hoxe unha iniciativa para “instar á Xunta de Galiza a inspeccionar os tecnosolos que se están depositando nos concellos de As Pontes e As Somozas, coa finalidade de comprobar que cumpren o establecido na normativa vixente no relativo a súa composición, uso e aplicación; e analizar o impacto que estes poidan ter no medio ambiente e na saúde das persoas, realizando as actuacións que foran precisas –incluída a súa retirada- para garantir que non causan danos e prexuízos.” A iniciativa nacionalista acadou o “apoio unánime”, tras unha transacción.


A deputada nacionalista lembrou que estes feitos xa foran denunciados polo BNG no ano 2011, e que a situación lonxe de terse solucionado, “empeorou nos últimos anos”. Pontón explicou que existen uns 60 puntos de vertido con miles de toneladas que cobren partes relevantes de montes e pasteiros dos concellos das Pontes de das Somozas e existe constancia, afirmou, de “afección ao patrimonio arqueolóxico”.
A parlamentaria lembrou que esta mesma empresa xa tivo que retirar estes residuos no concello de Narón, por “incumprir” a normativa en vigor e constarar contaminación en “fontes e mananciais” o que pon de manifesto, dixo, que estes residuos non se están a tratar axeitamente e que non son tecnosolos senón “residuos contaminantes”.
Ana Pontón manifestou que existen sospeitas fundadas de que os residuos retirados en Narón están sendo trasladas AS Pontes e a As Somozas.
Durante o debate, a deputada nacionalista denunciou que simplemente con visitar a zona xa se advirte o incumprimento da normativa vixente, “o cheiro que desprenden é noxento, están depositándose en prados e é evidente que hai lixiviados que están contaminando as augas que nutren o río Xubia e os pozos de veciños e veciñas”.
Neste sentido, indicou, catro analíticas confirman estes feitos e os veciños e veciñas denunciaron problemas de saúde.
Para a deputada do BNG, “estamos ante un problema de grande envergadura”, que pode crear un foco de contaminación importante, tanto para o solos, como para a saúde das persoas.
O Grupo Parlamentar do BNG acolle con satisfacción aprobación desta iniciativa, mais fará seguimento escrupuloso da actuación da Xunta de Galiza, que leva anos coñecendo estes feitos e só reacciona ante as denuncias, que neste caso non só presentou o BNG, senón tamén veciños e veciñas e asociacións ecoloxistas como Adega, Verdegaia e Sociedade Galega de Historia Natural. Entidades que realizaron analíticas sobre os residuos demostrando a súa toxicidade e perigosidade, concluíu.

También podría gustarte
Comentarios