Nota de Prensa BNG : O CONCELLO DAS PONTES APROBA A SÚA ADHESIÓN AO MANIFESTO GALIZA TEN DEREITO

No día de onte celebrouse o Pleno solicitado polo Grupo Municipal do BNG no mes de febreiro, e que tivo que ser convocado polos técnicos diante do desleixo, irresponsabilidade e pasividade do Alcalde socialista pontés.


A sesión tivo un so punto na súa orde do día, referido a adhesión do Concello ao manifesto Galiza ten dereito, iniciativa impulsada polo BNG para a defensa do sistema financeiro galego e do noso autogoberno fronte ao recurso de inconstitucionalidade que o Goberno español ten presentado contra a Lei de Caixas aprobada polo Parlamento de Galiza a instancia do BNG.
A proposta foi aprobada cos votos do BNG e coa abstención do grupo de goberno do Psoe; o único concelleiro do PP non asistiu. No debate, tanto o Alcalde socialista como o Concelleiro de Facenda amosaron o acordo do Psoe das Pontes coa fusión das Caixas galegas.
A xustificación da abstención socialista, segundo o Alcalde, baseábase na súa oposición á nova Lei de Caixas; porén, segundo lembrou o voceiro do BNG, o goberno socialista local foi quen de aprobar, fai uns meses, outra moción presentada polo BNG na que se instaba ao Parlamento de Galiza a aprobar unha lei reguladora das caixas de aforro galegas que asegurara o seu carácter público, a democratización dos seus órganos de goberno, o seu compromiso efectivo coa economía productiva e a criazón de emprego en Galiza, así como a orientación da súa obra social cara a satisfacción das necesidades sociais e culturais reais do noso país.
As Pontes, 11 de marzo de 2010.
Asemblea Local do BNG

También podría gustarte
Comentarios