Nota de prensa BNG: NA SÚA RESPOSTA A PÉREZ BOUZA, O MINISTRO DE INDUSTRIA DEIXA CLARO QUE NON VAI MODIFICAR O DECRETO DO CARBÓN E ELUDE UNHA XUNTA COS AFECTADOS

O senador do BNG demandou a Sebastián que reciba aos afectados de As Pontes e Meirama “igual que fixo cos de Asturias e León” e “modifique o Decreto para repartir o custe de primar a produción eléctrica con carbón español”
Madrid, 19 Outubro 2010. O Ministro de Industria, Miguel Sebastián, deixou claro esta tarde ao senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, que non vai modificar o denominado Decreto do Carbón que prexudica de cheo ás centrais térmicas galegas de As Pontes e Meirama. Tamén eludiu manter unha xunta cos afectados, tal e como lle pedía o BNG.
O senador nacionalista demandou ao Ministro que reciba aos representantes sociais e proceda a modificar o Decreto. “Pedímoslle que se reparta entre todas as tecnoloxías do sector eléctrico o custe de primar a produción eléctrica con carbón español”. E formulou a Sebastián dúas sinxelas preguntas: “Señor Ministro, “é consciente dos prexuizos que o Decreto vai producir no territorio galego? Vaise reunir cos representantes sociais para modificalo, tal e como lle piden, entre outros, os sindicalistas da CIG que levan catro días en folga de fame”.


O Ministro defende “un decreto pensado no subministro de España”
A primeira resposta do titular de Industria ao BNG foi taxante: “é un Decreto pensado no subministro eléctrico de España como pais”. A partir de aí, foise pola tanxente ao falar das axudas recibidas no 2006 polas centrais de As Pontes e Meirama. Dixo que “en ningún caso estas centrais van pechar” e a súa solución consistiu en remitir a cuestión á “recuperación da demanda eléctrica no futuro”.
Pérez Bouza enfatiza as negativas repercusións para Galiza
Pérez Bouza sinalou que “o Decreto publicado o 27 de febreiro no BOE aposta por incentivar a xeración de enerxía eléctrica por carbón autóctono a pesar de que é máis contaminante e menos rendíbel que o carbón importado, o que utilizan as centrais galegas”, afirmou.
O parlamentar nacionalista lembrou ao titular de Industria que esta decisión política “pode ser unha solución temporal ao problema das comarcas mineiras de Asturias, Castela-León e Aragón, pero vai prexudicar gravemente os intereses doutros territorios como Galiza”. Explicou que as centrais térmicas de As Pontes, Meirama e incluso Sabón realizaron importantes investimentos en melloras tecnolóxicas para se adaptar ao carbón importado por ser menos contaminante e máis barato.
Subliñou que as consecuencias negativas non son “só para as térmicas porque rebaixa a súa actividade produtiva, tamén incide negativamente nas empresas auxiliares como o sector transportista, e incluso na actividade dos portos de A Coruña e Ferrol”.
As perdas, enfatizou, “van ser cuantiosas tanto desde o punto de vista do emprego como desde o punto de vista económico”. Neste sentido, puxo de manifesto que na Galiza “existe un rexeitamento unánime ao Decreto, incluido o seu partido político o PSOE, organizacións sindicais e alcaldes das comarcas afectadas por ser unha norma discriminatoria e prexudicial”. E tamén é unánime a demanda de que se modifique o Decreto.
No turno de réplica, o senador do BNG resumiu a intervención do Ministro sinalando que “non hai pior cego que o que non quere ver, e vosté non quer ver o impacto sobre as térmicas galegas”. Reiterou a demanda do BNG para que reciba aos afectados, “igual que fixo cos representantes sociais de Asturias e León, modifique o Decreto e distribúa o custe de primar a xeración eléctrica con carbón autóctono entre todos os axentes do sector eléctrico”.
Na contraréplica a Pérez Bouza, Sebastián insistiu na idea de que se procede “baixo o criterio de seguridade do subministro eléctrico” e na idea de que “cando se recupere a demanda eléctrica veremos que medidas se poden tomar”.
Xa fóma da Cámara, o senador do BNG quixo rebater a afirmación do Ministro porque “non se fai para garantir o subminitro eléctrico que está asegurado senón que se fai para dar unha saída ao stock de carbón español acumulado”.

También podría gustarte
Comentarios