O BNG esixe a Industria que axilice as infraestruturas do Plan Miner II

[Diario de Ferrol] O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Ministerio de Industria que presente os convenios de colaboración específicos precisos para a execución de infraestruturas en Galicia dentro do Plan Miner II. En concreto, están a espera deste trámite unha inversión de 14,9 millóns de euros en As Pontes.


Segundo asegura o BNG na moción presentada para a súa aprobación no pleno da corporación municipal pontesa, a Consellería de Innovación e Industria, no seo da Mesa Galega do Carbón, definira en abril de 2006 as infraestruturas que debería cofinanciar en Galicia. Ademais da inversión nas Pontes, prevíase unha partida de 13,1 millóns en Cerceda e outros 12,9 millóns para a autovía Ferrol-Vilalba, no treito Cabreiros-Vilalba. Poucos meses despois este departamento asinaba co Ministerio o protocolo de colaboración ampliado cun acordo suplementario este ano onde se incluían tódalas infraestruturas solicitadas dende Galicia.
Sen embargo, segundo expón a formación nacionalista, para que finalmente se poidan executar faltan por desenvolver os convenios de colaboración específicos que, administrativamente, dependen do Instituto para a Reestruturación da Minaría do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineiras (IRCM).
Por iso o BNG levará ao pleno unha moción similar á que xa se presentou tamén ante o Parlamento galego, na que demandan a sinatura destes acordos, como xa sucedeu en comarcas doutras comunidades autónomas.
Programa:
Por outra banda, a Federación de Industrias Afíns (FIA) de UGT celebrou onte a segunda sesión das novenas Xornadas da Mineiría, dirixidas a traballadores, empresarios e concellos. En concreto, a de onte, celebrada na Casa Dopeso, foi a xornada institucional. Nela interviron representantes do Instituto de la Minería, de Endesa, da Consellería de Industria, da de Traballo, do Instituto Nacional de la Seguridad Social, así coma responsables de FIA-UGT a nivel estatal.
Ademais, a xornada contou coa presenza do alcalde pontés, Valentín González Formoso. No seu transcurso abordáronse as distintas actuacións que houbo como consecuencia da aplicación do Plan Ferrol en temas de infraestruturas, solo industrial, proxectos empresariais, formación e sobre o futuro lago das instalacións de Endesa.
Na xornada de hoxe, dirixida a traballadores en activo, técnicos, delegados mineiros de seguridade, membros dos comités e mandos das empresas e sucontratas minerias, celebraranse os obradoiros de traballo sobre xestión, seguemento e control do documento de seguridade e saúde. A actividade desenvolverase ás dez da mañá no cine Lar.

También podría gustarte
Comentarios