O ciclo provincial Noite de cine trae case 40 proxeccións a Ferrolterra
[Diario de Ferrol] O cine chega no verán ás prazas e rúas dos concellos da Coruña, grazas ó plan Noite de cine que desde hai 18 anos desenvolve a Deputación da Coruña. De entre as 194 proxeccións que están previstas para xullo, agosto e setembro, case 40 serán nos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
As dez películas seleccionadas inclúen grandes éxitos de taquilla dos últimos meses, así como obras feitas en Galicia, curtametraxes e o galardoado documental da BBC Terra. Este traballo, que resume varios capítulos emitidos na cadea británica, poderase ver no concello de Ares o 6 de agosto.
A película infantil Arthur e os Minimoys proxectarase en Ares o 3 de xullo, en Valdoviño o 10, nas Pontes o 14 e en San Sadurniño o 18. Xa en agosto pasarase en Cariño (o día 5), en Vilarmaior (o 9) e en Fene (o 12).
Eragon, a película de aventurase baseada nunha exitosa saga de literatura fantástica, verase en Cedeira o 4 de xullo e, nese mesmo mes, en Fene (o 10), nas Pontes (o 15) e en Ares (o 24). Proxectarase o 20 de agosto en Neda.
O filme protagonizado por Ben Stiller Unha noite no museo desatará as risas en Fene e en Mugardos o 14 de xullo, o 17 en Valdoviño e o 23 nas Pontes. En agosto verase o día 2 en Neda e o 23 en Cedeira.
A película de animación De Profundis, da produtora Continental, chegará o 15 de xullo a Mugardos.
A exitosa El diablo se viste de Prada, con Meryl Streep e Anne Hathaway, pasarase nas Pontes o 16 de xullo, e en agosto estará en San Sadurniño (o 22), en Ortigueira (o 24), en Fene (o 26) e en Cedeira (o 30).
A xoia Pequena Miss Sunshine pasará por Mugardos o 16 de xullo, por Neda o 1 de agosto, por Fene o 4 e por Cariño o 6.
Lady Killers verase nas Pontes o 17 de xullo e, nese mesmo mes, en Fene (o 24) e en San Sadurniño (o 25). En agosto proxectarase en Cariño (o 7), en Valdoviño (o 13) e en Ortigueira (o 17).
The Queen, a recreación da reacción da realeza británica ante a morte de Lady Di, con Helen Mirren como Isabel II, poderase ve en Fene o 19 de agosto.
Concurso fotográfico > A décimo oitava edición de Noite de Cine quere tamén axudar a concienciar á poboación acerca da importancia de promover os valores ecolóxicos e o desenvolvemento sostible. Por iso convoca o concurso Entre tod@s, un pouco é moito. As persoas que queiran participar poden enviar por correo (postal ou electrónico) ou mediante unha mensaxe de móbil multimedia, unha fotografía coas pequenas actuacións persoais que realizan a cotío e que contribúen a mellorar ou conservar o medio natural, segundo indican desde a Deputación.
As imaxes recibidas exporanse na web deste programa cinematográfico (www.noitedecine.com). As instantáneas gañadoras recibirán como premio os 24 dvds que compoñen a colección Galicia de cine e Gallaecia cinema.
Pódese recabar máis información tamén na web provincial www.dicoruna.es.