O Concello de As Pontes chama aos veciños de toda a bisbarra a unha concentración mañá.

[RTVEume] As mobilizacións que está a promover o concello pontés para reclamar unha solución ó problema creado na nosa vila coa aprobación do decreto do carbón, seguen a sumar apoios.
Eses apoios foron constantes ó longo de toda a xornada, e ata o salón de plenos, onde continúa o peche do equipo de goberno e os representantes dos transportistas, achegáronse representantes de Asociacións veciñais, sindicais, e políticos de toda a bisbarra.


Logo da visita onte do Presidente da Deputación provincial, Salvador Fernández Moreda, e dos alcaldes de Cerceda, A Capela, e Ferrol, ademais do Conselleiro de economía Javier Guerra, que en todo caso departiron cos concentrados, hoxe as visitas multiplicábanse.
Estiveron os alcaldes de Ortigueira, Xermade, As Somozas, Fene, Ares, e Cedeira, así coma o presidente da Cámara de Comercio de Ferrol Xoán Gato e os Deputados Beatriz Sestayo e Xavier Carro.
Esta tarde ás seis celebrábase unha concentración de apoio ós pechados na que se deixaba patente a relevancia que esta situación ten para toda a comarca, que esixe conxuntamente un compromiso de continuidade e de futuro para o complexo eléctrico de As Pontes.
Mañá é o día no que están postas moitas esperanzas coa visita do alcalde pontés, Valentín González a Madrid para reunirse co Secretario Xeral do Ministerio de Industria.
O alcalde vai tentar de acadar un compromiso que sirva para reafirmar e garantir a viabilidade da central de Endesa en As Pontes, e que se lle anuncien cales serán as medidas concretas que se van adoptar para garantir o futuro desta central, e consecuentemente do pobo.
“Eu quero que se me diga claramente que a central vai funcionar, con todo o emprego que xera, e que os camioneiros van poder seguir a transportar o carbón, e os estibadores descargalo.
En definitiva, que as compensacións económicas que se contemplen pola afectación do decreto do carbón repercutan en todo o tecido económico de As Pontes”.
Para respaldar ó alcalde nesta visita, e plasmar o compromiso de todo o pobo coa demanda dunha solución convocouse para mañá unha concentración na Praza do Carme, ás seis da tarde, na que xunto co chamado do concello, sumáronse as asociacións veciñais, comerciais, empresariais, e de transporte.
O Concello espera, coa concentración de mañá, amosar o rexeite de toda a bisbarra a un decreto que prexudica a todo o entramado económico-social da comarca, con especial incidencia na rede auxiliar da pranta de Endesa e o porto.
Confiando en que o goberno central decida as medidas compensatorias que podan paliar estes efectos, mañá demandaranse na dúas frontes a un tempo, coa concentración popular, e no diálogo directo protagonizado polo alcalde, que, anque se establezan compensacións económicas, non se deixen de abordar as modificacións precisas no texto do decreto que suopñan as garantías para o emprego ameazado

También podría gustarte
Comentarios