O crómlech e as mámoas de Mourela

Un artigo de: Xavier Queipo
Aproveitarei esta tribuna para falar da contradición entre a conservación do Patrimonio arqueolóxico e a realización dunha autovía, que é sempre un tema incómodo para a meirande parte deles. Algúns políticos, como se verá, devecen pola construción de estradas e descoñecen, cando non ignoran, o respecto debido polo legado cultural dos nosos antepasados. Exemplos abondan, independentemente da cor política dos gobernos.


Hoxe vou falar do xacemento arqueolóxico dos círculos de pedra e das Mámoas de Mourela, no Municipio das Pontes e do proxecto de Autovía Ferrol-Vilalba ao seu paso polo tramo As Pontes-Cabreiros. Téñolle querencia e simpatía ao concello desde que no xa afastado ano de 1986 exercín alí a profesión de médico xeralista. Desde aquela non regresei ao pobo, pero gardo aínda lembranza agradábel das súas xentes e da súa afouteza diante das difíciles condicións de vida no concello, de acceso difícil e vida social desestruturada, de clima extremo e contorno contaminado. Por iso, ao seu chamado respondo con lecer, sabendo que de seguro lles asiste razón no seu empeño.
Semella que no estudo de impacto ambiental realizado para acompañar o proxecto da autovía Ferrol-Vilalba non se contemplaba a existencia do xacemento. Xa se sabe, o que non se ve, non existe. Coido eu, nembargante, que sen coñecemento do valor do xacemento arqueolóxico non se entende como se pode tomar a decisión de facer pasar a autovía xusto por riba, destruíndo, para sempre, a herdanza dos nosos devanceiros, o que contravén non só o sentido común, senón as leis en vigor, que contemplan unha zona de protección de 200 metros arredor dun xacemento arqueolóxico. É, pois, estritamente necesario, que tanto neste caso como en outros, a existencia do noso patrimonio arqueolóxico sexa respectada. Un goberno honesto non pode actuar con celeridade e sen reflexión, non pode actuar por aparencia sen ter en consideración todas as variábeis que se han manexar.
Eu non falo de non facer estradas, necesarias como elas son para estimular a comunicación entre as comunidades e mellorar o comercio. Do que falo é de respectar o medio ambiente, o patrimonio natural e o patrimonio histórico, tal e como se recolle na Constitución española. Se cadra, neste como noutros casos, vaise impoñer o pretendido pragmatismo cego. Eu sinceramente espero que non, que haxa reflexión e se procuren solucións alternativas. Aqueles que non respectan o legado dos seus antepasados están condenados a ser eles mesmos non respectados polos seus gobernados, e mesmo a seren denunciados código penal en man. Logo a xustiza decidirá o que ten que decidir, como correspnde a un Estado onde se dá a separación de poderes. Espero, digo, que trunfe a razón sobre o pragmatismo a curto prazo.
Este non é un caso illado. Lembro agora as agresións ao Camiño Portugués que leva a Compostela denunciadas nas obras da Estrada C-550 ao seu paso polo lugar de Pazos, na parroquia de Iria Flavia, no Concello de Padrón. Daquela gobernaban outros e impúxose a sen razón con resultados pouco éticos. Deste goberno deberiamos esperar unha maior sensibilidade, un maior respecto. Deberiamos? Quero convencerme, fago intentos cada día e ás veces comprendo as súas razóns e outras sinto o verme da decepción roendo nos miolos.
Neste país é necesaria unha Revolución Cultural que despraze o culto aos resultados a curto prazo pola sensibilidade e o respecto ás máis dignas reivindicacións dos administrados: estar seguros de que as decisións se toman dunha reflexión demorada onde se consideren con ponderación todos os elementos da situación. Non como este caso, no xacemento arqueolóxico dos círculos de pedra e das Mámoas de Mourela, onde semella que as debidas precaucións e a ponderación necesaria non foron respectadas. Hai unha parte do xacemento que xa desapareceu para sempre baixo a cegueira poeirenta dos fomentadores. Ata cando?
Publicado en Vieiros

También podría gustarte
Comentarios