O XERMADE XOGARÁ A FINAL DA COPA DEPUTACIÓN DE LUGO
O Xermade disputará a final da Copa Deputación de Lugo de segunda e terceira rexional, logo de eliminar nas semifinais ó conxunto do Rioaveso, equipo que apeou na primeira rolda a outro conxunto xermadés, o Roupar. O partido disputouse este domingo no Municipal de Xermade, ante uns cen espectadores, e finalizou con vitoria do Xermade por un gol a cero.
Os xermadeses traían unha boa renda do partido xogado no campo do Rioaveso (1-4). A primeira parte resultou aburrida con dous equipos que apenas inquietaron a portería contraria, agás en tres ocasións o cadro local e unha por parte dos visitantes. No segundo tempo o Xermade dominou máis, sobre todo tralo gol de Iván, mentres que o Rioaveso tratou de lograr cando menos o gol da honra.
Por parte do Xermade, que adestra Felipe Mieres, xogaron Picallo (Carlos, 88), Lucho, Leal (Yamal, 46), Fontao, Set (Tomás, 75), Toni (Parga, 67), Esteban, Óscar, Danilo (Peón, 57), Rubén e Iván. O Rioaveso aliñou a Alberto, Felpeto, Roberto, Manuel I, Roberto, Carlos (Franco, 60), Andrés, Cristián (Adriano, 65), Javier, Manuel II e Iván. Pablo Fernández, da delegación da Mariña, foi o árbitro do partido, que expulsou por dobre amarela a Rubén do Xermade.
O Xermade xogará a final, en campo aínda sen determinar, contra o Calasancio de Monforte, que nesta xornada volveu a gañar polo mesmo resultado (2-0) ó San Lázaro de Lugo.
UN CLUB CON CASE TRINTA ANOS DE HISTORIA
O Club Xermade fundouse no ano 1981, sendo o seu primeiro presidente Manuel González Fernández, aínda que a finais da década dos oitenta do século pasado deixou de existir para renacer na temporada 91/92 co nome de Sociedade Deportiva e Cultural Xermade. Conta con 150 socios, dos que 21 (os fundadores) son socios de Honra e pagan unha cota anual de trinta euros. O seu terreo de xogo, o Municipal de Xermade, foi inaugurado en 1980 cun partido entre o Lugo e o Racing de Ferrol. Ten unhas medidas de 100 por 65 metros e unha capacidade para 400 espectadores sentados.
A actual directiva está presidida por Óscar Arnoso Pena. Luís Pena é o vicepresidente, Andrés Ameijide, secretario; Pedro Morado, tesoureiro; Alberto Pena o delegado do Club, e como vocais están José López Guizán, Jennifer Caaveiro, Begoña Ares Yáñez e Ángeles Santalla.
Por este club pasaron adestradores como Guillermo, Moro, Domínguez, Beceiro, Cascudo, Paco, Luis del Río e na presente temporada Felipe Mieres. Conta cun plantel de 25 xogadores, os porteiros Carlos, Picallo e Iván, os defensas Lucho, Leal, Fontao, Set, Luisma, Tomás, Mario e Santi; no medio campo están Toni, Óscar, Íñiguez, Parga, Esteban, Peón, Vilaboy e Yamal, e como dianteiros, Danilo, Rubén, Renato, Sergio, Eladio e Fran.
En canto é seu palmarés, sinalar que foi finalista da copa Deputación de 2006/07, final que perdeu diante do Sober (1-0). Gañou as dúas últimas edicións da Copa Concello de Xermade, na de 2008 (VIII) venceu no campo Novo de Roupar ó Cabreiros por 3-0, e na de 2009 (XIX) tamén gañou ó Cabreiros (2-1), final disputada no campo de Catro Ventos, de Cazás.
Participou seis temporadas na primeira rexional e 21 en segunda rexional. Na derradeira temporada quedou en quinta posición con 52 puntos a doce do campión Pastoricense, gañando 15 partidos empatando sete e perdeu oito. Nos trinta partidos disputados marcou 59 goles e recibiu 43.
Xermade, 13 de Maio de 2010 (AF)