Amigus
As Pontes

PIÑEIRO CELEBROU O SAN MARTIÑO E INAUGUROU A SÚA ÁREA RECREATIVA E DEPORTIVA

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

O pasado sábado, 7 de novembro, a bonita parroquia xermadesa de Piñeiro –dende moi antigo vencellada a As Pontes pola súa proximidade e a que moitos dos seus nativos residen na vila pontesa- celebrou o seu patrón, San Martiño, xornada que tamén se aproveitou para inaugurar a súa área recreativa e deportiva, situada preto do lugar coñecido como a Xunqueira.
Pineiro-1.jpg


O frío e a chuvia non impediu que preto de 300 veciños, moitos deles residentes nas Pontes, se achegaran ata a Xunqueira para festexar ó seu patrón. O día comezou coa preparación do xantar e sobre a unha e media a celebración da misa. Ó remate do acto relixioso, realizado na propia carpa do xantar e festa, o cura oficiante bendiciu estas instalacións que ocupan unha extensión de dúas hectáreas e dispón de campo de fútbol, unha pista e a área recreativa con varias mesas, así como servizos. O custe total do investimento foi duns cen mil euros.
Despois viñeron as pezas da misa a cargo de “Madeira Show” e logo o xantar, para rematar cunha verbena amenizada pola coñecida orquestra “Los Satélites”, na que estivera o lembrado e querido Pucho Boedo alá polos anos cincuenta.
A PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE PIÑEIRO
Parroquia de montañas e amplos e verdes vales está situada no occidente do concello de Xermade limitando coas parroquias do Aparral ó norte, Momán ó sur, Miraz ó leste e Bermui e Xestoso ó oeste. Nos seus case dez quilómetros cadrados viven uns 150 habitantes distribuidos nos lugares da Aldea, A Aureana, A Casanova, A Cerveira, A Ladrela, O Outeiro, A Panda, A Pasadiña, A Pena, Os Rebuxentos, As Ribas, Sanche Grande, O Toutelo, A Vacariza e A Veiga, sendo os máis habitados Sanche Grande (23), A Veiga (21) e Os Rebuxentos (20).
Pertence ó arciprestado de Xermade, que abarca oito parroquias deste concello (Burgás Cabreiros, Candamil, Cazás, Miraz, Momán, Piñeiro e Xermade) e as de Labrada (Guitiriz) e San Pedro e Santa María de Xestoso (Monfero). As parroquias de Lousada (San Andrés) e Roupar (San Pedro) pertencen ó arciprestado das Pontes.
Numerosos regos e regatos atravesan a parroquia, sendo os máis importantes os de Sanche, Mazandoi e Porto Vello e, agás nos vales e na vertente cara o río Eume, a súa orografía supera os cincocentos metros, sobresaíndo a Medoña de Mazandoi (665 m.) ó sur da parroquia. A súa economía principal é a agricultura e a gandería, con varias explotacións de raza rubia galega e frisona.
A igrexa parroquial, situada na Ladrela, é de sinxela construción cunha espadana de dous ocos e no seu interior hai nove imaxes relixiosas, entre elas a de San Martiño. Preto da igrexa, no cruce da estrada da Veiga, hai un interesante cruceiro.
Como dato histórico podemos sinalar que alá por 1843 o concello de Xermade tiña 586 veciños e 2.931 habitantes (Piñeiro, 216). Contaba con catro escolas ás que ían 105 nenos e tan só once nenas e estaba rexido por un alcalde, un tenente, seis rexedores, un síndico, cinco suplentes e nove alcaldes pedáneos.
SAN MARTIÑO DE TOURS
Este santo naceu na antiga Sabaria (Panonia, parte occidental da actual Hungría)), hoxe Szombathely no ano 316. Con quince anos serviu na garda imperial romana ata o 356, primeiro en Italia e despois na Galia.
A lenda sinala que no inverno de 337, estando Martiño en Amiens atópase na entrada da cidade cun mendigo morto de frío, a quen lle dá unha metade da súa capa para que se abrigue, xa que a outra pertence ó exército de Roma. Á noite seguinte Cristo aparéceselle vestido coa media capa. Esta é a escena con se representa a San Martiño.
Martiño decide deixar as armas, pero ten que esperar un tempo polo permiso do emperador. Trala vida militar bautízase e xúntase ós discípulos de San Hilario de Poitiers. Foi nomeado bispo de Tours en 370. No ano 397 falece en Candes-Saint-Martin, pequena localidade (230 habitantes) da rexión de Centre (Francia).
É o patrón dos soldados, tecedores, fabricantes de telas, de Francia, Hungría e das cidades de Utrecht (Holanda), Bos Aires, Groningen (Holanda), varias cidades de América do Sur e de Ourense. No concello pontés é o patrón da parroquia de Goente e do Val de Gondré, onde ten unha capela na súa honra.
A súa festividade celébrase o 11 de novembro, coincidindo coa matanza do porco, de aí o refrán que di “a cada porco chégalle o seu San Martiño”.
Piñeiro, 7 de novembro de 2009 (AF)
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro
Pineiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios