Planta nas Somozas para obter enerxía de refugallo industrial
[A Nosa Terra] O Grupo Toysal investirá 54 millóns de euros para construír unha planta nas Somozas que terá capacidade para obter electricidade a partir de refugallos industriais. esta nova planta creará 30 postos de traballo directos e perto dun cento máis indirectos.
O xerente de Toysal, Vítor Toca, logo de adiantar que é posíbel que a planta comece a funcionar no 2011, tamén explicou que están estudando as posibilidades técnicas de que as instalacións sirvan no futuro para tratar residuos orgánicos e convertelos en electricidade.
A planta tiña autorización para se construír no 2005 pero unha alegación de Augas de Galiza atrasou as obras. “O problema”, indicou Toca, “é que daquela os bancos tiñan liquidez pero hoxe non”, dixo.
Desintegración da materia
Toysal di que implementará unha tecnoloxía limpa, que non lanzará emisións tóxicas á atmosfera. Segundo Toca, o sistema, de orixe estadounidense, baséase na desintegración da materia, a gasificación do residuo e a súa introdución nun ciclo combinado.
Desta operación só queda un pequeno residuo inerte que non se almacena en vertedoiros senón que se pode usar na construción de estradas, por exemplo.
A electricidade obtida no proceso pasa inmediatamente á rede de Unión Fenosa grazas ao acordo que ten Toysal coa compañía. A produción estimada é de 15 megavatios por hora.
Toysal ten algo máis de 300 traballadores e ten unha carteira de industrias diversificada. O pasado exercicio facturou 13 millóns de euros.