Declaración cidadá na defensa da necrópole megalítica da Mourela

O presente documento pretende ser unha ferramenta social na defensa do Círculo Lítico da Mourela, nas Pontes de García Rodríguez, debido ao paso do trazado da AG-64 Ferrol-Vilalba por riba deste elemento patrimonial.
A lexislación actual contempla os dereitos e os deberes dos cidadáns en materia de conservación e defensa do patrimonio, por isto e facendo uso deste poder social, as diferentes persoas abaixo relacionadas, queren manifestar por medio desta declaración, a súa repulsa á destrucción do círculo lítico e o seu apoio ás alternativas e propostas plantexadas:
A construcción dun túnel que evite a destrucción da necrópole e o seu estudo, reconstrucción e posta en valor.


Para asinar, cubre este formulario. – Para firmar, cubre este formulario.


A construcción dun túnel
A solución mantida pola actual Consellería de Política Territorial, pasa pola construcción dunha trincheira de máis de 50 metros de profundidade no lugar da Mourela. O impacto visual que isto tería na zona sería brutal, por non falar da desestructuración e fragmentación que se producirían nun conxunto formado por tres mámoas. A alternativa proposta non só minimizaría o impacto arqueolóxico do conxunto megalítico senón que ademais permitiría realizar un estudo e posta en valor minuciosos do lugar, pródigo en restos prehistóricos.
O cálculo técnico e económico encargado polas nosas organizacións a un equipo técnico profesional, revela que o gasto de execución do túnel, encadraríase perfectamente dentro do marxe presupuestario que determina a Lei de Contratación das Administracións Públicas, a cal establece un incremento máximo de ata un 10% sobre o presuposto total do tramo e que neste caso suporía só un 5,3%, co que se atoparía dentro do marxe legal autorizado.
Todo isto nun momento no que toda a arqueoloxía galega ten os seus ollos depositados nas escavacións da Mourela, pois os datos que estas investigacións proporcionarán, servirán con toda probabilidade para definir un anaco máis da Prehistoria galega e como non das nosas orixes primitivas.
Cabe apuntar tamén que aló polo ano 2001 decidiuse construir un túnel baixo o Castro de Montealegre no concello do Morrazo, debido á execución da autovía, no canto dunha trincheira como a proxectada na Mourela que puña en perigo a integridade deste ben patrimonial. Neste caso a presión social tamén foi decisiva para a construcción do túnel. Logo, os antecedentes existen, o reclamo social existe, os medios técnicos e económicos existen, e a razón reclama cordura.
A reconstrucción do pasado
Diferentes investigadores e arqueólogos galegos consultados apuntan hacia a etnoarqueoloxía como a metodoloxía fundamental para afrontar unha reconstrucción in-situ do círculo lítico maior da Mourela. Todos coinciden na viabilidade dun proxecto destas características e apuntan hacia unha posíbel reestructuración da paisaxe do entorno, profundamente degradado pola actividade industrial do polígono dos Airíos.
A proposta non é nova, existen tamén antecedentes de reconstruccións de monumentos noutros lugares do mundo e incluso de círculos líticos, nas illas británicas e na bretaña francesa.
Ademais contamos coa referencia fotográfica de Maciñeira, que aló polo ano 1900 retrata un estado semialterado do círculo lítico maior e que podería axudar a definir unha reconstrucción parcial da estructura. Esta proposta é secundada amplamente por diferentes investigadores e profesionais da arqueoloxía en Galiza, e ven a por de manifesto a existencia dunha segunda alternativa á destrucción do conxunto megalítico, medrando así ainda máis a sinrazón da execución da sentenza.
As persoas asinantes cremos na viabilidade das alternativas plantexadas e na necesidade da súa execución, polo que demandamos das administracións competentes (Consellería de Política Territorial, Consellería de Cultura e Concello das Pontes), a sensibilidade suficiente como para evitar por en perigo a perda da nosa identidade.
Confiados de que a suma das sinaturas deste documento sexan representación suficiente da vontade popular galega, manifestada na defensa da necrópole da Mourela, facemos do SOS Mourela un berro de dignidade.
Para asinar, cubre este formulario.
Para firmar, cubre este formulario.

También podría gustarte
Comentarios