Roteiro por As Pontes
ADEGA- Lugo segue coa programación de roteiros deste curso que, como xa sabedes, xira arredor do cambio climático, fenómeno global ao que durante anos non se lle deu a importancia requirida, pero de cuxa existencia hoxe ninguén dubida. Existen claras evidencias de que este incremento de temperatura terrestre é atribuíble en boa medida ás actividades humanas, en particular ás emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), provocados en gran parte pola queima de combustibles fósiles.
O roteiro deste mes discorre por un lugar directamente relacionado co cambio climático, xa que a actividade da central térmica d’As Pontes foi e segue sendo un foco moi destacable de emisión de GEI, principalmente CO2. Se a súa axenda llo permite, contaremos no roteiro coa compaña como camiñante de Ramón Varela, destacado experto en temas de contaminación atmosférica e con gran sensibilidade ambiental, quen nos achegará, a pé de mina, información ao respecto.
Como é sabido, nos últimos meses cesaron de forma definitiva as labores de extracción de lignito na mina d’As Pontes, estando previsto converter o lugar nun gran lago, empregando durante o inverno o río Eume como achega de auga. A realización deste proxecto podería ter importantes efectos negativos no ecosistema do río e incluso na produtividade marisqueira de Pontedeume. O xeólogo Vidal Romaní tamén sinala que, dada a situación xeolóxica da cunca d’ As Pontes, o enorme volume de auga do lago podería incrementar a sismicidade na zona, provocando, entre outras consecuencias, desestabilización de ribazos, con efectos sobre o lago difíciles de predicir.
Neste roteiro, ademais de achegarnos en autobús ás proximidades da mina, percorreremos a pé uns 12 km (de dificultade media) polo contorno do encoro da Ribeira, acompañados, coma sempre, por un guía local.