Sontag recolle hoxe o Premio da Paz dos Libreiros Alemáns

Lendo elcorreogallego.es:
“A escritora estadounidense Susan Sontag deu mostra onte na Feira de Francfort da súa célebre insubordinación crítica, que lle valeu o Premio da Paz dos Libreiros Alemáns, e os seus dardos alcanzaron a personaxes que van desde Gabriel García Márquez a Arnold Schwarzenegger. “…


…”O presidente de Estados Unidos, George W. Bush, Henry Kissinger, “un dos criminais de guerra máis grandes de todos os tempos”, e o primeiro ministro italiano, Silvio Berlusconi, tamén foron branco das súas andanadas incontibles.
Susan Sontag veu a Francfort coa clara intención de xerar polémica e xa deixou entrever onte, nunha rolda de prensa, que o seu discurso hoxe na cerimonia de entrega do premio, que escribiu durante seis días, terá ese obxectivo, aínda que se negou a adiantar o contido. “Sei que este premio me dá a oportunidade de pronunciar un discurso de moita resonancia, e vouna aproveitar. Espero que me escoiten mañá”, dixo a escritora.
Aínda que en máis dunha ocasión Susan Sontag se queixou de que os medios de comunicación ven nela unha “máquina de opinión” e lle preguntan sobre todos os temas posibles, mostrouse a aberta a responder ás preguntas máis diversas.
Primeiro, quíxose saber a súa opinión sobre o Premio Nobel da Paz para a avogada iraniana Shirin Ebadi, e contestou que lle parecía unha boa decisión, pero lamentou que Bush se apurara a felicitar á galardoada, porque iso facilítalles ós seus inimigos o cualificala de axente de EEUU.
Logo, alguén lle preguntou sobre a elección de Schwarzenegger como gobernador de California, que ela cualificou “dun mal chiste que se fixo realidade”.
“Sen embargo, creo que a súa elección é significativa, o mesmo que a de Silvio Berlusconi en Italia, porque a xente os escolleu a ambos os dous por características que non teñen nada que ver coa política pero nas que se ven a si mesmos”, manifestou Sontag. “Schwarznegger é un home que non é moi intelixente. É un idiota. Pero ten éxito e no cine representou sempre a violencia, e iso é algo que seduce agora en Estados Unidos”, engadiu a escritora. “As eleccións de Shwarzenegger e Berlusconi indican que vivimos nunha era pospolítica. A política xa non está feita por persoas que se ocupan profesionalmente dela e que buscan a por medio do debate as mellores solucións”, afirmou.
Polémica con García Márquez
Sontag non considera que todo escritor estea obrigado a pronunciarse sobre temas políticos, pero se que os que o fan teñen a obriga de non calar sobre cousas que saben.
“Respecto os escritores que non se pronuncian sobre temas políticos. Pero quen o facemos, como Günter Grass, como García Márquez ou coma min non podemos deixar de denunciar cousas das que temos noticia”, sinalou Sontag. A escritora partiu desa argumentación para retomar a súa polémica con García Márquez, que se iniciou na Feira do Libro de Bogotá, sobre o seu silencio acerca das violacións dos Dereitos Humanos en Cuba. “Acerca de Cuba, García Márquez calou cousas que sabe e por iso non foi honesto”, dixo Sontag. “Nunca crin que el fose a responderme, pero fíxoo e a resposta foi ridícula ó dicir que en conversas privadas axudou a saír de Cuba a moitos disidentes”, agregou.”
Fonte: elcorreogallego.es

También podría gustarte
Comentarios