VINTE ANOS DO DOBRE SUBCAMPIONATO MUNDIAL DE DANI FEIJOO

Tivo lugar en Finlandia no verán de 1997

Esta pasada semana, do 19 ó 22 de Xullo, cumpríronse vinte anos dun logro histórico no deporte pontés, que foron as dúas medallas de prata conseguidas por Daniel Feijoo no Campionato do Mundo Junior disputado en Lahti (Finlandia) en 1997, no século pasado.

Daniel Feijoo Ferreiro naceu en As Pontes en Abril de 1979, e era un xove prometedor que antes deste mundial xa conseguira unha prata e un bronce coa selección española junior na proba internacional de Bratislava.

Integraba aquela selección española no Mundial Junior, entre outros, xunto ao gran Perucho, posterior Campión Olímpico e que non tivera moita fortuna en terras nórdicas. No seu K4 formaban Alberto Rodríguez, de Portonovo, o vigués Aike González e o andaluz Manuel Muñoz.

Ninguén agardaba estes resultados, e na proba do K4 1000 metros foron prata por detrás de Hungría e por diante de Eslovaquia. Resultado que redondearon despois coa prata en K4 500 a tres milésimas de Alemaña, e por diante de Polonia, bronce.

Si ben, na proba do kilómetro, o vencedor húngaro sacou case dous segundos e medio á embarcación española, moito máis axustada fora a proba do medio kilómetro, onde, os catro integrantes españois, sen nada que perder, saíran a por todas dende o inicio.

Sacaron gran ventaxa ó resto de embarcacións aos 250 metros, pero nos últimos instantes acabóuselles a gasolina, superándoos os alemáns nos derradeiros 10 metros por apenas un palmo de piragua de ventaxa.

Podíanse dar por satisfeitos de que, a pesar de perder por tan pouco, un dos integrantes daquel K4 alemán era o mítico Ronald Rauhe, que despois foi Campión Olímpico en 2004, trece veces Campión Mundial, 16 ouros europeos, e aínda bronce en Río con 35 anos.

Botando a vista cara atrás, grandes estrelas pasaran por aquel mundial finlandés, aparte de Perucho e Rauhe, estaban o Campión Olímpico ruso, e rival de David Cal no seu día, Makxim Opalev, outro Campión Olímpico como o alemán Andreas Ihle, o eslovaco Juraj Tarr, catro veces Campión Mundial, ou o polaco Marek Twardowski, triplo campión universal.

Tamén competiron na proba finlandesa outros dous piragüistas locais, adestrados por Pablo Tenreiro, o canoísta Gonzalo López Alvariño, e a palista Teresa Albo, viveirense que competía no Grupo Xuvenil. Ambos foron sétimos nas súas probas.

Daquel K4 que formara con Dani, Alberto Rodríguez deixara a competición moi novo. Os outros dous, Aike González e Manuel Muñoz, continuaron varios anos, e incluso chegaran a gañar medallas co k4 español sénior en varios Mundiais.

Despois daquel evento universal, Dani abandonara a competición por mor dos seus estudos universitarios, pero coa calidade suficiente como para volver a retomar a piragua case sete anos despois e gañar catro medallas nos Campionatos de España ou a prata xunto ao incombustible Antonio Polo na Copa de Europa de Maratón en Portugal en 2006, engrosando un palmarés con tres Campionatos de España, catro galegos e cinco metais internacionais.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios