Amigus
As Pontes

Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes denuncia a falta de pediatra no centro de saúde durante as festas do nadal

Ademais, unha praza de médico de cabeceira leva preto dun mes sen cubrir, con previsión de que esta situación se alongue no tempo.

 Hoxe, 27 de decembro, é día de manifestacións en Galicia pola dignidade da atención primaria e en defensa da sanidade pública. 

A sanidade pública é un servizo fundamental para as persoas, non obstante por culpa dos recortes -en Galicia os investimentos neste servizo son máis baixos que antes da crise- e da falta dunha boa organización, que é competencia exclusiva da Xunta, cada dia nos atopamos con máis deficiencias na atención primaria, nos PAC e nos hospitais públicos. 

Dende Xunt@s por As Pontes levamos un tempo participando nas manifestacións, animamos á recollida de sinaturas pola mellora do servizo no noso centro de saúde, presentamos iniciativas no Concello, levamos os problemas sanitarios da nosa vila ao Parlamento… mais o goberno do PP segue a facer caso omiso. 

Nós non imos calar e seguiremos denunciando esta problemática as veces que sexa preciso, en tódolos lugares que poidamos. Hoxe queremos denunciar as carencias no Centro de Saúde das Pontes durante as festas do nadal: estamos SEN PEDIATRA e polo menos hai unha praza de médico de cabeceira que leva preto dun mes sen cubrirse, con previsión de que siga así bastante tempo. 

Isto ocasiona graves problemas na atención dos pacientes, pois a non asignación dun facultativo impide o correcto seguimento das enfermidades, aumenta as listas de agarda, dificulta a correcta atención das crianzas, incluso provoca que a xente teña que acudir á medicina privada (cousa que da a impresión que é a pretensión do PP). 

Dende o centro de saúde, animan a toda a veciñanza a presentar reclamacións no Punto de Atención ao Paciente polas carencias que sofren no día a día, especialmente nestes períodos de festas. 

Máis información en xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios