Amigus
As Pontes

A Xunta crea o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia

Lendo sociedadedainformacion.eu:
“O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se crea e regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia como órgano encargado de avaliar a incorporación das novas tecnoloxías á sociedade e o desenvolvemento da Administración electrónica. Esta nova entidade é o resultado da integración do Observatorio Galego da Sociedade da Información co Observatorio da Calidade e da eAdministración de Galicia, que atendían ámbitos cada vez máis próximos, facendo necesaria unha actuación máis eficiente que evitase a superposición de ambas as actuacións.”…


…”Ademais, búscase acadar unha maior coherencia e uniformidade no eido da observación da sociedade da información e a modernización das administracións públicas de Galicia mediante a integración das funcións deses dous organismos nun único observatorio. Coa integración das funcións de ambos os observatorios, a Xunta actúa de acordo co principio da eficacia e baixo os criterios de máxima eficiencia, austeridade e economía organizativa.
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) nace así como un órgano asesor para avaliar a evolución da sociedade da información e a modernización das administracións públicas de Galicia, así como para participar e colaborar coas ditas administracións públicas nesas materias, ademais de contribuír á promoción e extensión das novas tecnoloxías en Galicia. A creación deste observatorio enmárcase dentro do Plan de Acción para o Desenvolvemento da Sociedade da Información no ano 2010, que identifica as liñas de actuación prioritarias que acometerá a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica neste ano.
O OSIMGA funcionará tamén como un sistema de información para a análise, comparación, seguimento e divulgación de datos, información e coñecemento relacionados coa sociedade da información e a modernización de Galicia.
Funcións do OSIMGA
* Desenvolver ou promover compilacións, estudos e análises de datos que permitan coñecer cunha visión global o nivel de desenvolvemento, a tendencia e os posibles problemas que afecten a extensión da sociedade da información en Galicia e á aplicación do modelo de eGoberno nas administracións públicas galegas.
* Facilitar análises comparativas e aliñacións de datos con outros marcos xeográficos.
* Promover o intercambio de experiencias e información entre administracións, con outros observatorios, organismos ou entidades.
* Impulsar a organización de eventos formativos, reunións de expertos ou grupos de traballo.
* Promover e xestionar a elaboración e difusión de publicacións técnicas, impresas ou electrónicas, específicas e monográficas ou de publicación periódica.
* Xestionar e ofrecer periodicamente e, como mínimo, a través dunha web específica, información sobre o nivel de desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, eventos formativos, noticias de actualidade, ou enlaces con outras fontes de información, observatorios ou entidades.
* Elaborar e presentar publicamente informes que reflictan o estado de situación ou a evolución prevista.
* Facilitar datos a outros organismos e entidades con competencias específicas na materia.
* Analizar o estado de desenvolvemento da Sociedade da Información para toda a cidadanía e, en especial, no que respecta ás mulleres, ás persoas con discapacidade, ás persoas maiores e aos colectivos con risco de exclusión, promovendo liñas de actuación que potencien a súa incorporación e permanencia activa en condicións de igualdade efectiva.
* Avaliar e servir de elemento para a definición de políticas públicas en materia de sociedade da información e modernización da Administración.
Adscrición e estrutura do OSIMGA
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia adscríbese á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que asume a súa coordinación funcional e, como órgano asesor, estrutúrase nun pleno e en grupos de traballo técnico.
No pleno, ademais da Secretaría Xeral de Modernización están representados outros departamentos Administración autonómica, como son as consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de Economía e Industria, e de Facenda, ou o Instituto Galego de Estatística. Ademais, forman parte do pleno representantes da Administración do Estado, da universidade, da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), así como personalidades de recoñecido prestixio en materia da sociedade da información e da modernización administrativa.
Observacións planificadas
Entre as actividades planificadas para o ano 2010 cabe salientar que o OSIMGA realizará as enquisas á poboación e ás empresas sobre a sociedade da información en Galicia, un estudo específico para o sector empresarial das TIC; elaborará o mapa da Administración electrónica nos concellos de Galicia e a enquisa sobre a eAdministración na Xunta de Galicia. Así mesmo, elaboraranse estudos sobre o estado de implantación do software libre, así como análises da evolución da penetración da banda larga en Galicia. Tamén cabe destacar as observacións temáticas en relación á demanda de formación TIC.”…
Fonte: sociedadedainformacion.eu

También podría gustarte
Comentarios