ACTO NA MEMORIA DE DON ENRIQUE, OS HÓRREOS DA COMARCA DAS PONTES

Con motivo do 14º cabodano de Don Enrique, quen fora cronista oficial da Vila de As Pontes, celebrouse unha charla sobre os hórreos da comarca pontesa

Con motivo do 14º cabodano de Don Enrique, quen fora cronista oficial da Vila de As Pontes, celebrouse unha charla sobre os hórreos da comarca pontesa

Deu a charla José Mª López Ferro, mestre e un estudoso da historia local, agradecendo de principio a iniciativa do Liceo das Pontes “Unha vez máis o Liceo Recreativo e Artístico lembra, este día, o pasamento de D. Enrique (aínda que non coincide, xa que foi o 18 de setembro). Feito que honra a esta Sociedade senlleira como é o Liceo. E voume tomar a liberdade e falar en nome de todos os que aquí estamos e darlle as grazas ao Liceo pola iniciativa. Como dixen, hónralle”.

“Dicía que estamos a lembrar e homenaxear a persoa de D. Enrique. E falar del é falar dunha das primeiras persoas que se preocuparon en estudar a nosa Historia, o noso Patrimonio e a nosa Identidade como pobo, ademais de difundir este estudo entre a nosa sociedade pontesa. E fixádevos neste detalle, esta difusión ou espallamento é o feito que o levou a poñelo en valor pola nosa parte porque, de súpeto, aprendemos a importancia que tiña un cruceiro, unha igrexa, unha ponte, un hórreo… principalmente, porque detrás tiña unha historia e unha historia que era a nosa historia, a dos nosos devanceiros. E isto é o máis importante. Porque nos falan dunha ponte, dunha igrexa, dun cruceiro, dun hórreo… que está en…… (onde queirades, mais non nas Pontes), non é o mesmo que nos falen da nosa ponte romana, da nosa igrexa de Pena de Francia ou do cruceiro do Ribadeume, ou do hórreo do Canle IV… por exemplo. Estes son nosos, témolos con nós e foron feitos e reformados polos nosos devanceiros. E así, con este xeito de D. Enrique, fomos aprendendo a valorar o noso Patrimonio coas ensinanzas que nos transmitía. Para min, este feito de investigar e espallar o seu coñecemento, é o primordial, é o máis importante en D. Enrique: compartiu con nós todo o que el sabía”.

No inicio da intervención, Ferro fixo unha loa de Don Enrique, persoa moi querida e prezada na vila pontes, “Teño que confesar que D. Enrique me marcou neste senso, é un honor estar hoxe aquí lembrando a súa persoa. Os que tivemos a sorte de coñecelo sabemos como era, cales eran as súas moitas virtudes e os seus escasos defectos. Como persoa e veciño era excepcional, principalmente cando había que facer un favor. Non había máis que pedirllo! Como crego, singular, destacaba entre os outros, polo diferente e especial (no bo senso) que era. Sempre digo, e aínda que me repita un ano máis, volvo a dicilo, que o pobo das Pontes lle debe moito e segue en débeda con el”.

“Hoxe imos tratar de ofrecerlle esta homenaxe, penso que do mellor xeito posible, falando de algo do que el tamén falou e estudou: Os nosos hórreos. É a mellor homenaxe que se lle pode facer, a de seguir a coñecer, estudar, valorar e espallar o noso Patrimonio. A el gustaríalle, así que imos aló!”.

Logo destas primeiras palabras, José María, o mestre do Paraño, fixo un percorrido moi descritivo dos hórreos de As Pontes, a súa orixe, onde os hai noutros lugares (principalmente no norte, en zonas húmidas e noutros países), os seus nomes, as súas características, as súas utilidades, materiais para a súa construción, as súas partes e características, etc.

Rematou a súa intervención facendo un chamamento a todos para que valoremos o noso patrimonio …. “Se a todo o dito lle engadimos os modelos que había en Saa, especiais pola súa substentación, atoparémonos que temos ou tíñamos unha variedade de hórreos, irrepetible noutros concellos, polo tanto única, pero que se perde pola falta do seu coñecemento, pola falta do seu estudo, pola falta da súa valoración. Son elementos patrimoniais legados polos nosos devanceiros que temos o deber de conservar para as vindeiras xeracións. O meu obxectivo é, coma sempre, dar a coñecer o que temos, aprendelo a ver con outra ollada e que nos sintamos fachendosos dese patrimonio e de ser pontés.

E con este traballo, quixera, unha vez máis, que pensarades nese home que foi o primeiro en estudar o noso patrimonio, de poñelo en valor, de dalo a coñecer e que nos ensinou, a min por exemplo, a amalo. Lembrade a D. Enrique e á súa memoria neste XIV aniversario do seu pasamento”.

Pechou o acto cunhas verbas Montserrat García, tenente de alcalde do concello de As Pontes.

Nova cortesía de A.F. As Pontes, 2 de decembro de 2016

También podría gustarte
Comentarios