Ancorados no pasado

[La Opinión de A Coruña, por OSCAR LOSADA] A programación do Festival de Ortigueira decidiu contratar ás bandas Boys of the Lough e The Dubliners porque eran débedas pendentes que tiña o festival desde hai moitos anos. Existen bastantes formacións de sona que non pasaron nunca polo escenario ortegano e a algunhas, como as contratadas, penso que xa se lles pasou o tempo de acudir ao evento porque agora non son grupos de primeira liña, como se debe esixir a un certame cun orzamento de 700.000 euros, e non van aportar ese grao de excelencia propio dun certame tan importante. Isto amosa certa curtedade de miras, descoñecemento da actualidade musical e unha visión demasiado suxeita ao pasado, e de ser así hai nomes históricos que non debutaron en Ortigueira que aportarían moito e, por exemplo, acertaron plenamente coa contratación dos Moving Hearts. Tanto este grupazo irlandés como as excelentes Värttinnä constitúen pratos fortes, mais un festival como o de Ortigueira necesita outros concertos dese mesmo nivel. En canto á representación galega hai cousas boas, pero tamén se bota de menos algo máis potente. A programación do xoves pode quedar resultona para un festival pequeno, pero de Ortigueira espérase máis.
É triste constatar como grupos de pasado exitoso e presente menos glorioso seguen a ser referencias chamativas, o que significa que o labor de divulgación do folk ten un grave problema. Incluso un festival de bo gusto á hora de programar, o da Fraga en As Pontes, sucumbe este ano ao poder do pasado ao fichar a Gwendal para o cartel. Víronos nos últimos tempos en directo ou só estarán alí polo nome?


Se vemos os cartos que ten Ortigueira e os de Zas e comparamos as programacións para este ano veremos quen actúa con maior lóxica. Por certo, os lusos de A Quadrilha, que volven a Zas no 25 aniversario, parabéns polo cumpreanos aos organizadores, tampouco estiveron nunca en Ortigueira e polas súas características son un grupo perfecto para actuar alí.
O festival de Ortigueira tarda demais en dar a coñecer a súa programación e continúa a dar certos paos de cego que ao mellor se evitaban dando un paso cara á profesionalización no seu organigrama.

También podría gustarte
Comentarios