ANXO GUERREIRO, EX-DEPUTADO GALEGO, FALARÁ ESTE VENRES NAS PONTES SOBRE A GALICIA DE HOXE
Este venres, 23 de abril, o exdeputado galego Anxo Guerreiro estará nas Pontes para dar unha charla sobre A Galicia de hoxe, dentro das V Xornadas da Terra que un ano máis organizan a asociación Niño do Azor e a Irmandade As Pontes-Lesneven-Carmarthen.
A conferencia será a partir das oito e media do serán (20,30) no edificio de cultura Casa Dopeso da vila pontesa.
Anxo Guerreiro naceu na veciña parroquia de Roupar e dende 1981 a 1985 foi deputado no parlamento galego, deixando a súa actividade política en 2001. Actualmente colabora en varios medios de comunicación.
Lembrar que na primeira edición de 2005 estiveron nestas xornadas culturais Xosé Luís Barreiro Rivas e Antonio Oca. En 2006 o escritor Darío X. Cabana, Alfonso Blanco Torrado, da asociación Xermolos, e Xurxo Souto, músico. Na edición de 2007 o conferenciante foi Xosé Manuel Beiras, catedrático na universidade de Santiago. Finalmente na cuarta edición de 2008 estiveron Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo.