Amigus
As Pontes

Augusto Pérez Alberti: O barato sae caro a medio e longo prazo

Entrevista a Augusto Pérez Alberti – Catedrático de Xeografía Física na Universidade de Santiago
(La Voz de Galicia) O catedrático de Xeografía Física na USC Augusto Pérez Alberti lamenta a forma na que se constrúen as obras públicas neste país, resolvendo sobre a marcha os problemas que xorden, sen a previsión nin a planificación necesarias. Cre que esta é a verdadeira orixe da contaminación dos ríos Eume e Trimaz.
– ¿Os taludes da Mourela son o problema, de alí sae o material contaminante?
– O problema é que aquí as obras públicas fanse hoxe cos mesmos parámetros de hai vinte ou vinte e cinco anos, sen ter en conta a dinámica dos taludes. E iso é inaceptable.

– ¿Había unha alternativa?

– Un túnel ou un semitúnel
– Pero sería máis caro.
– O barato sae caro a medio e longo prazo. Xa se viu tamén nos casos da A-6 en Vega de Valcarce e Becerreá. Agora os arranxos multiplicarán os custos. O falso túnel da AP-9 en Teis foi un acerto, pero só se fixo pola presión popular. Na A-52 en Barbantes, por exemplo, o reforzo do monte multiplicou o gasto por dez.

Mourela_9.jpg


– Ademais da contaminación, haberá que contar entón con que os taludes da Mourela caerán.
– Se a rocha está moi alterada, como é o caso e tamén algo habitual en Galicia, caerá. Non fai falta ser un profeta. Por iso o ideal é o túnel ou o falso túnel. Se ademais lle sumamos moita inclinación e choiva, móvese e caerá. Isto non é Castilla-La Mancha. Non fai falla ser xeomorfólogo ou enxeñeiro, só sentidiño común.
– O cemento…
– O cemento non o ancla todo. Frea o que frea, temporalmente. Roca alterada, humidade e forte pendente, caída segura.
– E se un material é contaminante, ¿como é que se leva para un recheo nunha zona fluvial como Cabreiros?
– Máis do mesmo. As obras públicas en Galicia teñen unha falla de planificación total. Nas estradas gástase moito en deseño pero pouco en estudar o terreo. Só hai que ver o que fixeron no alto do Boi no Courel. En Europa as estradas de montaña seguen as curvas de nivel, ninguén se empeña en trazar rectas a costa do que sexa.
– Pero entón, ¿en Cabreiros non sabían que material manexaban?
– Falla planificación con respecto ao entorno, á paisaxe, á dinámica das ladeiras. Hai que saber antes como é o terreo, falla profundidade nos estudos previos, xeolóxicos, hidrolóxicos, ambientais.

También podría gustarte
Comentarios