Caaveiro vai recobrando o seu esplendor

Lendo diariodeferrol.com:
“Están moi avanzados os traballos de reconstrucción da ponte, fonte e muiño situados no cauce do río Sesín e as primeiras sorpresas prodúcense ó localizar muros orixinais que permaneceron semiocultos durante moitos anos.”…

caaveiro01.jpg


…”A tranquilidade de Caaveiro veuse parcialmente alterada coa execución dos traballos de rehabilitación financiados pola Deputación da Coruña.
A presencia de obreiros uniformados con monos de cor azul, a existencia de estructuras provisionais alleas á construcción orixinal e a constatación dalgunhas pequenas novidades son aspectos que poden sorprender ó viaxeiro. Non obstante, a percepción máis inmediata é que todo está a cambiar. Unha parte moi importante en todo este proceso, son os arquitectos gañadores do concurso convocado pola Deputación para a realización do proxecto.
Isabel Aguirre, xunto a Celestino García, visita con regularidade as obras. Esta semana Diario de Ferrol acompañou a esta profesional nunha das súas inspeccións rutinarias.
O primeiro tramo do percorrido xa se realiza sobre unha superficie totalmente renovada a base de pizarras cortadas lonxitudinalmente. Este camiño, que parte antes de acceder ó recinto arquitectónico, leva ó visitante ata as mesmas riveiras do río Sesín e representa o último tramo da entrada orixinal ó mosteiro.
Unha ponte dun único arco enlaza o cauce fluvial, que ten unha fonte de pedra e un antigo muiño nas súas inmediacións. Canteiros da zona de Pontevedra adaptan o granito para acomodalos ás pezas que foron recuperadas do leito do rio a fin de reconstruir cada unha das edificacións.
Isabel Aguirre recoñece que ‘todo está empezando a cambiar’ e, xunto ó responsable da empresa implicada na rehabilitación, preocúpase de que os traballos se executen segundo o proxecto convenido.
De volta ó lugar no que conflúen os camiños do Eume e do Sesín, o equipo técnico empeza a inspeccionar cada unha das construccións distribuídas entre as catro plataformas que conforman o recinto monacal de San Xoan de Caaveiro.
A arquitecta contratada pola Deputación da Coruña confirma que, a pesares do traballo de investicación previo á redacción e execución do proxecto, aínda se producen sorpresas, como a que se orixinou coa localización de muros orixinais, que permaneceron semiocultos baixo terra e adosados a construccións non orixinais, durante moitos anos.
Agora, o que estaba previsto para o área queda a expensas dos ‘tesouros’ que poidan ir saíndo á luz.”
Fonte: diariodeferrol.com

También podría gustarte
Comentarios