Carlos Otero Vilariño: Unha ruta cultural no Ortegal

Video da primeira intervención das II XORNADAS MOURAS, celebradas o pasado mes de decembro nas instalacións do Lar das Pontes.


Esta primeira conferencia que hoxe vos deixamos correu a cargo de Carlos Otero Vilariño e leva por título “Unha ruta cultural no Ortegal”. Otero Vilariño é arqueólogo e membro do LPPP-Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC, onde desenvolve o seu traballo como técnico de investigación dirixindo a Unidade de Cultura Científica. Este organismo centra a súa actividade na difusión do Patrimonio Cultural e no fomento da participación da sociedade no proceso de produción de coñecemento así como na protección do patrimonio.
Entre 2000 e 2003 Otero Vilariño dirixiu diversos traballos dentro do programa de colaboración entre o LPPP e a Fundación Ortegalia, entre os que podemos destacar pola súa relación con estas xornadas a elaboración dun proxecto de posta en valor do Camiño dos Arrieiros como itinerario cultural, ou as intervencións arqueolóxicas nos xacementos de Forno dos Mouros e no castro de Punta dos Prados (Ortigueira).
O estudo sobre o Camiño dos Arrieiros, titulado “Unha ruta cultural no Ortegal” (dispoñible online) é sen dúbida un primeiro paso para a posta en valor da paisaxe do noso territorio, considerando os vestixios do pasado como parte integrante do mesmo e partindo da análise da súa dimensión temporal. Empregando como fío condutor o proceso de cambio e a humanización do medio desde a Prehistoria, nun entorno natural excepcional como o constituido polas serras Coriscada e Faladoira.

IMG_2389.JPG

IMG_2420.JPG

FOTOS. Hugo Arias

También podría gustarte
Comentarios