Conflicto do parque eólico da Carballeira

[RTVi-As Pontes] O tira e afrouxa sobre o parque eólico da Carballeira, que enfronta a propietarios e a Endesa, continúa manténdose practicamente sen cambios. Pero as que avanzan a marchas forzadas son as obras desta instalación enerxética. Desde o núcleo urbano podemos ver perfectamente que cada día hai máis aeroxeradores pero, se nos achegamos ó sitio, comprobamos que apenas faltan uns retoques para poñelo a funcionar. E iso a pesar de que, en teoría, a
Dirección Xeral de Industria informou ó Valedor do Pobo de que as obras estarían paralizadas ata que houbese unha resolución concreta sobre o conflicto aberto hai meses pola ocupación dos terreos.


Os propietarios xa apuntaron tempo atrás que existe “un alto grao de connivencia” entre a empresa e a Delegación Provincial de Industria, logo de comprobaren como os técnicos realizaban medicións e informes técnicos que nada tiñan que ver coas súas demandas. Hai que lembrar que os veciños apuntaron no seu día que os planos parcelarios do proxecto do parque non se axeitaban á realidade do terreo. Sen embargo as obras comezaron e o resultado foi que se ocuparon fincas sen expropiar e que se deixaron tal e como estaban outras que si estaban expropiadas.
Agora os propietarios xa falan claramente de corrupción, logo de recibi-las últimas comunicacións do Valedor do Pobo. A primeira carta enviada pola Consellería de Industria ó Valedor aseguraba que se estaban realizando comprobacións sobre o terreo ó respecto da diverxencia entre os planos do proxecto e os lindes de toda a vida. Ademáis tamén indicaba que as obras estarían paralizadas mentre que non se lle dese unha solución ó problema.
Posteriormente, os afectados puxéronse de novo en contacto co Valedor para comunicarlle que os traballos continuaban e, ademáis, moi acelerados. O Valedor pediu urxentemente información sobre esta circunstancia pero, nin con iso, a empresa ECYR (Endesa Cogeneración y Renovables) lle fixo o máis mínimo caso.
A sensación da comisión de afectados é cada día máis negativa xa que vén que as actuacións pola vía administrativa non teñen resultado e que están asistindo á ineficacia dos organismos de poder.
Os propietarios aínda non decidiron se van tomar outras medidas. Agora só lles quedaría a vía xudicial, que resultaría moi custosa e cun posible beneficio económico que quedaría en algo testemuñal debido ó tamaño reducido das leiras.
aspontes.org

También podría gustarte
Comentarios