Amigus
As Pontes

Cursos de vela de verán no lago

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

O Club de Vela Fluvial As Pontes abre as inscricións para os seus cursos de vela de verán no lago
O lago de As Pontes convértese no escenario ideal para iniciar aos máis novos na vela este verán
  • ​O Club de Vela Fluvial As Pontes organiza cursos semanais en xullo e agosto para rapaces e rapazas de entre 7 e 15 anos.
  • ​Como novidade, o club aposta pola continuidade da aprendizaxe facilitando a integración na escola deportiva durante o inverno.
​Coa chegada do período estival, o lago de As Pontes converterase nun escenario ideal para que nenos e nenas se inicien no deporte da vela. O Club de Vela Fluvial As Pontes vén de presentar de xeito oficial os seus Cursos de Vela de Verán 2026, unha iniciativa dirixida a rapaces e rapazas de entre 7 e 15 anos que procura combinar actividade física, concentración e diversión nun entorno seguro, natural e privilexiado.
​Os cursos, de carácter semanal, desenvolveranse entre o 6 de xullo e o 28 de agosto, en horario de mañá (de 10:00 a 14:00 horas), sumando un total de 20 horas de formación por semana. Durante este tempo, os alumnos e alumnas aprenderán as bases da navegación e os segredos do deporte da vela lixeira.
​Dende a organización destacan que a práctica da vela ofrece múltiples beneficios para o desenvolvemento dos máis novos. Trátase dun deporte moi completo que fomenta valores fundamentais coma o traballo en equipo, a responsabilidade e a autonomía, ademais de promover hábitos de vida saudables e o contacto directo coa natureza.
​Seguridade, facilidades e proxección de futuro
Co obxectivo de que a actividade sexa accesible e segura, o Club de Vela Fluvial As Pontes facilita todo o material necesario para o desenvolvemento das clases, incluídos os chalecos salvavidas, garantindo a protección dos participantes en todo momento. Asemade, a entidade ofrece prezos accesibles e reducións especiais para os socios, así como descontos para aquelas familias que opten por contratar máis dunha semana de curso.
​Como gran novidade e aposta de futuro nesta edición, o club quere ir máis alá do verán. Por iso, animará de xeito activo aos alumnos que queiran seguir navegando despois das vacacións a integrarse na escola deportiva durante o inverno, contribuíndo de forma directa á creación e consolidación dunha nova base de regatistas na localidade.
​Inscricións abertas
O prazo para apuntarse xa se atopa aberto. Dado que os cursos contan cun número limitado de prazas por grupo para garantir a calidade do ensino e a seguridade na auga, dende o club recoméndase realizar a reserva coa maior antelación posible.
Máis información e inscripcións aquí:

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios